Economía

A Xunta avanza co sector da castaña na creación da unidade de soutos

Esta unidade dedicarase exclusivamente á xestión deste recurso tan relevante para o rural de Galicia, será a que desenvolva no seu conxunto o Plan de recuperación de soutos tradicionais

Óscar Gómez

Ourense | 05.03.2021 08:13

A Xunta avanza co sector da castaña na creación da unidade de soutos
A Xunta avanza co sector da castaña na creación da unidade de soutos | onda cero

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse por videoconferencia con representantes de diferentes asociacións do sector da castaña das provincias de Lugo e de Ourense, para darlles a coñecer diversas iniciativas de interese nas que está a traballar a Consellería do Medio Rural. Así, o director xeral avanzoulles, entre outras novidades, a próxima creación dunha Unidade dos Soutos dentro do departamento que dirixe José González, consonte ao anuncio realizado a pasada semana polo presidente da Xunta tras a reunión semanal do Consello do Goberno galego.

Esta unidade dedicarase exclusivamente á xestión deste recurso tan relevante para o rural de Galicia. Será a que desenvolva no seu conxunto o Plan de recuperación de soutos tradicionais, diferenciando con exactitude aqueles soutos tradicionais das novas plantacións de castiñeiros, unha vez se conte cos datos do Inventario Forestal Continuo no que traballan a Xunta e as universidades galegas.

Neste sentido, José Luis Chan explicou ao sector que se seguirán poñendo en marcha proxectos de recuperación de soutos de xeito piloto, como os xa executados en Moreda e no Courel, na provincia de Lugo, por exemplo. Ademais, o director xeral sinalou que esta nova unidade colaborará cos grupos de desenvolvemento rural (GDR) e cos concellos para o impulso do sector.

Frondosas autóctonas

Por outra banda, nesta xuntanza tamén se avaliou a importancia do rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas. Neste sentido, José Luis Chan trasladou ás asociacións sectoriais que as superficies rexistradas terán prioridade na concesión de axudas públicas e que poderán acollerse a diferentes beneficios fiscais, entre outras vantaxes.

Ademais, o director xeral deu conta das principais características que terán as agrupacións de xestión conxunta, unha figura que porá en marcha a futura lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite parlamentario. Esta ferramenta, que poderá ser solicitada polas propias asociacións do sector, entre outras entidades, favorecerá a xestión conxunta e sustentable dos terreos agroforestais, co fin de recuperalos e poñelos en valor, impedindo o seu abandono. Así mesmo,

favorecerán a produción e comercialización conxunta e servirán para anticiparse aos incendios forestais, entre outros beneficios.

Silvicultor activo

A figura do silvicultor activo foi outro dos asuntos tratados nesta reunión de traballo. Nesta liña, José Luis Chan destacou a importancia que ten esta figura no fomento do aproveitamento sustentable do monte, así como da certificación forestal. Neste sentido, recordou que os titulares inscritos nunha agrupación forestal de xestión conxunta que posúan terreos inscritos no rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas serán dados de alta, de oficio, como silvicultores activos. Iso si, terán un prazo máximo de tres anos para dispor do instrumento de ordenación ou xestión forestal e certificado de xestión forestal sustentable pertinente.

Por último, neste encontro co sector, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal deu a coñecer tamén os últimos datos relativos á loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro mediante a solta do seu parasito Torymus sinensis. Sobre este particular, indicou que no 2020 se recuperaron preto de 1.200 exemplares deste insecto, o que amosa que o parasito se comeza a asentar nos soutos galegos (tan só coa análise do 50% dos puntos nos que se colleron mostras). Estes resultados superan todo o que se recuperou no conxunto de 2019 (pouco máis de 1.000 exemplares), o que dá idea do éxito da campaña de distribución das soltas de Torymus.