Ourense Cidade

A Xunta "atrinchera" o centro de saude da Ponte

Os socialistas denuncian unha nova “chapuza” da Consellaría de Infraestruturas, tralo levantamento dun muro de bloques no canto da barreira vexetal contemplada orixinalmente no proxecto

Óscar Gómez

Ourense | 10.12.2020 08:09

A Xunta "atrinchera" o centro de saude da Ponte
A Xunta "atrinchera" o centro de saude da Ponte | onda cero

Os socialistas ourensáns denuncian unha nova “chapuza” da Consellaría de Infraestruturas a respecto das obras da nova intermodal, tras constatar o levantamento dun muro de bloques de aproximadamente dous metros de altura arredor do centro de saúde da Ponte que “atrincheira” o edificio no canto de insonorizalo como se comprometera a Xunta.

Neste sentido, a vicevoceira do grupo, Natalia González, sinala que o proxecto orixinal non contemplaba un muro, senón unha barreira vexetal, ao tempo que pon de manifesto as súas sospeitas sobre a finalidade da estrutura. “Sospeitamos que ese muro se levanta coa intención de insonorizar o centro de saúde”, co consecuente “impacto visual” e “desatención” aos compromisos adquiridos por Ethel Vázquez de cara a insonorizar interiormente o edificio, sinala a concelleira.

Ademais, a socialista pregúntase “onde queda a famosa fonte de 50.000 euros” proxectada para “adornar” a entrada do edificio coa pretensión propagandística de facer unha analoxía cun símbolo milenario como son as Burgas. A este respecto, González considera que “nada ten que ver este muro co que supostamente estaba proxectado” e pide “explicacións inmediatas” ao respecto.

O PSdeG-PSOE recorda que leva manifestado en reiteradas ocasións o seu desacordo coa “imposición dunha estación de autobuses prexudicial para Ourense”, que ademais de obrigar aos veciños e veciñas a “agardar á intemperie” polo “derribo exprés” da antiga estación, sitúa un edificio polo que circularán uns 300 autobuses ao día ao carón dun centro de saúde. Neste sentido, os socialistas aféanlle a Ethel Vázquez que primeiro “afume” e logo “encerre” á veciñanza, e solicitan “medidas urxentes” para dar solución ás “consecutivas chapuzas vergoñentas” do goberno de Feijóo coa terceira cidade de Galicia.