Tren Alta Velocidad

A Xunta adapta os horarios dos autobuses que conectan Lugo, Pontevedra e Vigo con Ourense

Trátase de garantir a coordinación dos 134 servizos de autobús que unen cada semana a cidade das Burgas con Lugo, Pontevedra e Vigo coas saídas e chegadas do tren programadas por Renfe coa posta en servizo do treito de alta velocidade entre Pedralba e Ourense.

Promóvese unha intermodalidade áxil entre o autobús e o tren aos pasaxeiros doutros puntos da comunidade que contan cunha oferta de servizos ferroviarios máis reducida cara a Madrid.

Lugo contará con 6 posibilidades de enlace cada día para coller os trens entre Ourense e Madrid, Pontevedra con 5 e Vigo terá acceso a 12 trens.

Óscar Gómez

Ourense | 21.12.2021 08:12

A Xunta adapta os horarios dos autobuses que conectan Lugo, Pontevedra e Vigo con Ourense
A Xunta adapta os horarios dos autobuses que conectan Lugo, Pontevedra e Vigo con Ourense | onda cero

A Xunta adapta a partir deste martes 21 de decembro, os horarios dos autobuses que conectan Lugo, Pontevedra e Vigo coa cidade de Ourense para facilitar aos pasaxeiros os enlaces cos novos horarios dos trens entre Galicia e Madrid. A chegada do AVE a Ourense, coa posta en servizo do último treito de alta velocidade da conexión coa meseta, fai preciso adecuar os horarios dos autobuses interurbanos ás novas horas de paso dos trens pola cidade de Ourense.

Así, a Xunta posibilita unha intermodalidade áxil entre o autobús e o tren aos pasaxeiros doutros puntos da comunidade que contan cunha oferta de servizos ferroviarios máis reducida cara a Madrid.

Coas modificacións que se implantarán este próximo martes, día 21, a Xunta garante a coordinación coas saídas e chegadas do tren programadas por Renfe en Ourense de 134 servizos de autobús que unen a cidade cada semana con Lugo, Pontevedra e Vigo: 15 serán novos servizos, axústanse os horarios doutros 57 e 62 manteranse na súa configuración actual, ao garantir esperas reducidas aos pasaxeiros desas cidades.

No caso de Lugo, as expedicións de autobús estarán adaptadas ás saídas e chegadas de 6 trens diarios entre Ourense e Madrid de luns a venres, 3 de ida e outros 3 de volta. Os sábados e os domingos facilítase o enlace con 3 trens, 1 de ida e 2 de volta.

A coordinación dos servizos de autobús deseñada pola Xunta permítelles aos lugueses acceder cun enlace coordinado aos trens con saída de Ourense ou chegada á primeira hora da mañá para os cales Renfe non ofrece conexión ferroviaria con Lugo.

Os pasaxeiros de Pontevedra disporán os días laborables de 5 autobuses adaptados ás novas horas de paso dos servizos ferroviarios pola estación de Ourense, 2 os sábados e 2 os domingos. Para garantir unha conexión áxil cos trens, a Xunta axustou os horarios de 3 servizos interurbanos os días laborables e 2 os domingos.

Pola súa banda, Vigo contará con ata 12 posibilidades de enlace en Ourense cada día entre semana, 5 os sábados e 4 os domingos. Dos 69 servizos de autobús que servirán de conexión cos trens cada semana, foi preciso axustar os horarios de 26 servizos, mentres 10 son novos e 33 xa son funcionais para os pasaxeiros do tren tal e como se atopan configurados.

A ampla oferta de frecuencias de autobús entre estas dúas cidades permitirá aos pasaxeiros de Vigo aproveitar trens que non conectan a cidade olívica con Madrid, á vez que, en moitas ocasións, a duración da viaxe en autobús é menor da que ofrecen os trens actuais entre Vigo e Ourense.

Grazas ás adaptacións que se poñen en marcha este martes, día 21, os vigueses poderán coller o primeiro tren AVE da mañá con destino á capital de España que sae ás 06,30 horas de Ourense ou o último AVE de regreso que chega ás 22,50 horas. Para facer posible estes dous enlaces en Ourense, a Xunta implanta dous novos autobuses directos de luns a venres, un que sairá de Vigo ás 05,15 horas e outro con hora de regreso ás 23,00 horas desde Ourense.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade salienta a importancia de dotar a conexión en tren entre Galicia e Madrid dunha oferta de servizos que permita obter o máximo rendemento da nova infraestrutura.

Así mesmo, reitera a necesidade de que Renfe poña en servizo canto antes os trens Avril de ancho variable para que o AVE chegue tamén ás cidades de Santiago, A Coruña, Pontevedra ou Vigo e lograr tempos de viaxe competitivos