Enerxía

A Xunta abre o prazo para solicitar proxectos de biomasa nos fogares galegos

A instalación dunha caldeira de biomasa supón reducir á metade o gasto con respecto ao gasóleo e un 30% fronte ao gas natural. Desde 2014, a Xunta ten colaborado na colocación de 8000 caldeiras nos fogares galegos

Óscar Gómez

Ourense | 02.03.2022 10:23

A Xunta abre o prazo para solicitar proxectos de biomasa nos fogares galegos
A Xunta abre o prazo para solicitar proxectos de biomasa nos fogares galegos | onda cero

A Xunta abriu o prazo de solicitude para a implantación de proxectos de biomasa nos fogares galegos, o que permitirá un aforro anual, nas facturas enerxéticas, de 360.000 euros.

O Goberno galego, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, destinará 1,5M€ a esta convocatoria de concorrencia non competitiva dirixida ás familias galegas e que se xestiona a través de entidades colaboradoras. Agárdase mobilizar 3,75 millóns de euros no sector, conseguir aforros enerxéticos de 9000 MWh e impulsar a creación de 37 empregos, ademais de reducir as emisións de CO2 en 2700 toneladas ao ano, o equivalente á plantación de 135.000 árbores.

A contía das axudas será dun 50%, ata un máximo de 60.000 euros, para apoiar proxectos con fins de aforro enerxético que fomenten enerxías renovables como é o caso da biomasa. Para garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións, os equipos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, elevados niveis de eficiencia e un bo comportamento con respecto ao medio ambiente.

Con esta liña de axudas, o Goberno galego segue avanzando no seu obxectivo de fomentar o uso de enerxías renovables, neste caso nos fogares, coa importante redución de custos enerxéticos que supón fronte a outro tipo de enerxías, e máis nun momento de escalada de prezos eléctricos. Así, unha caldeira de biomasa supón aforros de ata o 50% con respecto ao gasóleo e dun 30% con respecto ao gas natural. Nunha vivenda unifamiliar permite aforros de 1800 euros ao ano con respecto aos radiadores eléctricos.

Desde o ano 2014 a Xunta xa leva apoiado a instalación de ao redor de 8000 caldeiras de biomasa. En 2021, o Goberno galego concedeu 824 axudas por un importe de 1,96 millóns de euros que permitiron instalar unha potencia próxima aos 15MW.