O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantivo unha reunión de traballo co director da Axencia de Infraestruturas de Galicia, Francisco Menéndez, e co delegado da Xunta en Ourense para tratar temas de interese para o futuro da cidade. Trátase da futura senda peonil e ciclista que conectará a cidade de norte a sur e que suporá un investimento de 4,5 millóns de euros. Técnicos municipais tamén asistiron a esta xuntanza, para idear unha actuación que impulsará o Goberno galego ao abeiro dos fondos europeos Next Generation de Mobilidade.
Dentro deste importante proxecto para a cidade, o alcalde aproveitou para trasladar á Xunta para que teña en conta o proxecto de soterramento municipal da praza de Concepción Arenal e o arranxe da beirarrúa afectada na intersección da Ponte Vella coa Avenida das Caldas.
Os representantes autonómicos e municipais compartiron as propostas xerais do itinerario e emprazáronse a continuar dialogando, compartindo información e traballando conxuntamente no desenvolvemento do proxecto.
Cómpre lembrar que o Consello da Xunta autorizou o pasado mes a proposta de construción dunha senda que partirá da estación intermodal, continuando polo Barbaña ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e finalizando en Seixalbo. Trátase dun itinerario que integrará 5,2 km de sendas: iniciarase na estación intermodal, desenvolverase pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, o Paseo do Barbaña, o Complexo Hospitalario, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz. Estas actuacións, que configuran un eixo norte-sur ao longo do río Barbaña, proseguirán desde Ponte Sevilla ata Seixalbo e Bemposta a través da OU-105.
O Goberno galego, ao abeiro dos fondos europeos Next Generation, está a traballar no obxectivo do fomento dunha mobilidade sostible nas cidades galegas, a través de diversas liñas de actuación como este itinerario en Ourense.