Xunta de Galicia

Traballos para a mellora e modernización do regadío da Limia

As actuacións consisten na construción de 42 novos pozos de sondaxe de auga nesta bisbarra ourensá, unhas tarefas que se iniciaron co acopio do material necesario e a disposición da maquinaria de prospección

Óscar Gómez

Ourense | 26.05.2022 13:16

Traballos para mellora a mellora e modernización do regadío da Limia
Traballos para mellora a mellora e modernización do regadío da Limia | Faro de vigo

A Xunta iniciou xa os traballos para a mellora e modernización do regadío da Limia. Estes labores consisten na construción de 42 novos pozos de sondaxe de auga nesta bisbarra ourensá. Así o confirmou o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na reunión desta mañá da Mesa do regadío da Limia, na que participaron responsables das administracións autonómica e central, así como diferentes técnicos encargados de supervisar os traballos.

contar con 4.000 novas hectáreas de regadío

Desta forma, sinalou González, avánzase na colaboración entre a Xunta e a Administración Xeral do Estado a prol da xestión sustentable da actividade agrogandeira nesta bisbarra de referencia para o rural galego, e que lle permitirá, ademais, “contar con 4.000 novas hectáreas de regadío”, remarcou. Ademais, o conselleiro anunciou que a Xunta constituirá unha oficina de regantes para ter permanentemente informados de todos os pasos do proceso aos propietarios das parcelas e ás comunidades.

Os labores iniciáronse co acopio do material necesario e a disposición da maquinaria para a perforación, unha vez recibida, por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a correspondente concesión para a comunidade de regantes Lamas Ganade, que xunto coas de San Salvador de Sabucedo, Corno do Monte e Alta Limia serán as beneficiarias desta actuación.

Na reunión de hoxe avanzouse, ademais, nos trámites para agrupar estas catro entidades, tal e como solicita a Confederación Hidrográfica, para contar cun único interlocutor á hora de desenvolver as diferentes actuacións. Esta agrupación estaría liderada pola comunidade de Lamas Ganade, ao ser a que acumula máis caudal e pozos. Estas actuacións enmárcanse -lembrou González- no investimento de arredor de 36 millóns de euros que destinará a Xunta e o Estado á bisbarra, uns fondos que foron conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego, tal como destacou o conselleiro.

Destas achegas, preto de 16 millóns servirán para modernizar o regadío, outros case catro millóns -aportados pola Xunta- serán para a construción dos devanditos 42 pozos e os 16 restantes foron xestionados pola Consellería do Medio Rural perante o Estado, de forma adicional, para a limpeza das canles e dos camiños paralelos, un investimento que González agarda que se faga efectivo, de acordo co compromiso amosado polo Ministerio de Agricultura.

Ademais, o conselleiro explicou que a todo este esforzo investidor cómpre engadir os 600.000 euros que destina o seu departamento, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, para a reparación de camiños na comarca, todo enmarcado no Plan estratéxico do sector agrario da Limia. Nesta liña, o titular de Medio Rural quixo recoñecer e agradecer unha vez máis aos agricultores e gandeiros da Limia, así como aos demais axentes sociais e económicos da comarca, o seu compromiso de avanzar na sustentabilidade do sector, crucial para esta zona.

Reunión cos regantes da Limia
Reunión cos regantes da Limia | onda cero

Reunión co sector

O conselleiro reuniuse tamén en Ourense con representantes do sector agrogandeiro da Limia, para coñecer as súas demandas en relación co rural. Así, González mantivo un encontro con José Manuel Nieto Rodríguez, da Federación Rural Galega (Fruga); Amador Diaz Penín, da Asociación de produtores de pataca da Limia; José Ramón González Rodríguez, de Unións Agrarias; María Teresa Joga, de Adegal e Sonia Vidal Lamas, do Sindicato Labrego Galego.

Nesta xuntanza, o conselleiro trasladou as diferentes iniciativas promovidas pola Xunta para apoiar este eido produtivo e anunciou que por parte da Consellería acometerase a realización dun estudo sobre os custos de produción dos cultivos da Limia, no marco do seu Plan estratéxico. Así, lembrou que o Goberno galego reclamou -e segue reclamando- ao Ministerio de Agricultura que faga cumprir a lei da cadea alimentaria para evitar a venda a perdas. Ademais, puxo en valor medidas que camiñan nesta mesma dirección, como a posta en marcha do Observatorio da cadea ou a nova unidade que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario en Galicia.

Estes instrumentos, salientou o conselleiro, facilitarán -no caso do Observatorio- a emisión de informes sobre a situación económica do sector primario galego, como base para a adopción de decisións sobre custos e prezos. No que atinxe á unidade de control, como o seu propio nome indica, o seu labor é o de supervisar na nosa comunidade o cumprimento da normativa e contribuír a un adecuado funcionamento, transparente e equilibrado, da cadea de valor. Así mesmo, José González tamén sinalou que o seu departamento está a impulsar diferentes estratexias para sectores claves do rural, como son o lácteo, o vitivinícola ou o da carne. Así, as dúas primeiras xa están aprobadas e aplicándose, mentres que a do sector cárnico estase implementando nestes intres.