Ourense Provincia

Rueda: “Galicia necesita aos seus motores económicos e Ourense é un deles"

O presidente do PPdeG asegurou que “nin a provincia nin a cidade de Ourense van ser alleas ao impulso duns Orzamentos que son os máis altos da historia"

Óscar Gómez

Ourense | 08.11.2022 07:51

Rueda: “Galicia necesita aos seus motores económicos e Ourense é un deles"
Rueda: “Galicia necesita aos seus motores económicos e Ourense é un deles" | onda cero

Alfonso Rueda asegurou que o obxectivo do seu Goberno é “velar polas economías domésticas a empresariais” porque “é preciso que todas superen nas mellores condicións este momento complexo”. Enumerando algunhas das actuacións previstas nestas Contas, Rueda citou as melloras nos hospitais de Ourense, Verín e O Barco, o novo centro de saúde integral de Ourense, o novo ambulatorio da Rúa, as apostas para o Polígono de San Cibrao e a Tecnópole, o Centro de Ciberseguridade, a recuperación da fortaleza de Monterrei, o Parque Acuático de Pereiro ou a nova sede da Xunta.

Reivindicou que “a Xunta pode facer realidade todos estes obxectivos, un ano máis, grazas a un modelo baseado na estabilidade, na planificación e na xestión eficaz”. Rueda puxo en valor o traballo de Manuel Baltar á fronte da Deputación de Ourense, asegurando que se trata dunha “receita útil que é compartida” e que debe “estenderse aínda máis nos concellos logo das eleccións municipais de maio do vindeiro ano”. En clave electoral, o líder dos populares galegos defendeu que o PP “é un partido de goberno que non ambiciona o poder polo poder, senón que sabe o que facer con el e quere empregalo para mellorar concellos que necesitan un novo impulso”.

" Cabezas é o cambio a mellor, nas formas e no fondo"

Referíndose a Ourense como un deses concellos que “necesitan un novo impulso”, o presidente do PPdeG ensalzou a figura de Manuel Cabezas como candidato á alcaldía da cidade: “É o cambio a mellor. Nas formas e no fondo”. Nesta mesma liña, continuou dicindo que “Ourense precisa pasar páxina dalgunhas actitudes que se cualifican por si mesmas” e “dar paso ao prestixio e a reputación do que foi, e será de novo a partir de maio, o seu mellor alcalde”; facendo así referencia a un Manuel Cabezas que na súa opinión destaca por ter “experiencia, talante, capacidade e un proxecto ilusionante”.

Rueda concluíu que o candidato do PP á alcaldía “ten todo o que precisa Ourense neste momento” porque “xa sabe como levar á cidade a esa segunda transformación que continuará a primeira, que leva a súa sinatura” e animou ao partido a “traballar para que en maio teña a maioría absoluta que lle falta para facelo realidade”

Manuel Baltar: " o PP é o partido de Ourense e de Galicia"

O presidente provincial do PP de Ourense reivindicou que a formación está “preparada para unha gran vitoria o vindeiro 28 de maio” e anunciou que antes de que remate o ano terán “aos 92 cabezas de lista que traballarán para conseguir a maioría absoluta na Deputación e superar o récord histórico de alcaldías”.

Enxalzando a Manuel Cabezas como “o mellor alcalde da historia de Ourense”, Baltar prometeulle “traballo” para que “xunto ao seu equipo acometa a segunda gran transformación da cidade para situala de novo á vangarda de Galicia”. “O PP é o partido de Ourense e o partido de Galicia, e nos esforzaremos cada día para reforzar o noso potente liderado político e seguir mellorando esta terra, asegurou. O líder dos populares ourensáns reivindicou a Alfonso Rueda como “o gran valedor de Ourense” e asegurou que a provincia “contribuirá á quinta maioría absoluta consecutiva do PPdeG cun ourensán, Alberto Núñez Feijóo, presidindo España”