Transporte

Rivo recolle as demandas do sector do transporte nunha xuntanza con Apetamcor

Elena Rivo, reuniuse en Baños de Molgas coa secretaria xeral da Asociación empresarial do transporte de mercancías por estrada de Galicia (Apetamcor), Myriam Otero.

Óscar Gómez

Ourense | 06.10.2023 12:11

Rivo recolle as demandas do sector do transporte nunha xuntanza con Apetamcor
Rivo recolle as demandas do sector do transporte nunha xuntanza con Apetamcor | onda cero

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, mantivo unha xuntanza coa secretaria xeral da Asociación empresarial de transporte de mercadorías por estrada de Galicia (Apetamcor), Myriam Otero, e cun grupo de profesionais de Perú contactados en orixe por unha empresa do sector. Estes condutores estanse a formar en Galicia para poder establecer aquí o seu proxecto vital e cubrir as vacantes que non é posible atender con profesionais da comunidade.

A representante autonómica recolleu as demandas do sector e comprometeu o estudo das mesmas, habida conta que unha das principais peticións ten que ver coa escaseza de profesionais, aspecto no que a Xunta de Galicia está a traballar con representantes desta e doutras actividades.

Para optimizar o casamento entre a demanda de man de obra e a oferta, a comunidade está a modernizar as oficinas de emprego e a implementar unha nova texnoloxía baseada na intelixencia artificial. A través de EMi, que se está a implantar de xeito gradual no servizo galego de emprego, axustaranse as necesidades do mercado laboral en tempo real aos perfís das persoas candidatas grazas aos avances da intelixencia e analítica de datos.

Recentes estatísticas contabilizan en Galicia máis de 15.000 vacantes en empresas de 10 ou máis asalariados. A Xunta de Galicia ten un compromiso permanente con todas as galegas e os galegos: conseguir un emprego de calidade, un mercado laboral dinámico e inclusivo e un crecemento económico intelixente.