A Mobile Week Ourense 2022 foi seleccionada polo xurado dos premios do XII Congreso Nacional de Innovación y Servicios Públicos (CNIS), que se celebrará o 13 e o 14 de decembro en Madrid baixo a organización do Club de Innovación e o Ayuntamiento de Madrid.
A iniciativa, froito da alianza entre a Deputación de Ourense e Mobile World Capital, está nominada na categoría de “Mejor estrategia de igualdad digital sostenible” xunto ao proxecto de “Amigabilidad digital”, da Deputación Foral de Bizkaia, e “Dispositivos accesibles con Escritorio Virtual de Interacción Digital (EVID)”, do Ministerio de Justicia.
Os premios do CNIS seleccionan ás mellores iniciativas públicas arredor da dixitalización dixital e cultural do sector público, en apartados como “Mejor proyecto consolidado de innovación pública”, “Mejor modelo de digitalización”, “Mejor proyecto de incorporación de tecnologías emergentes”, “Premio a la mejor estrategia integral de datos” ou “Mejor proyecto de consecución de los ODS”. Entre os nominados están concellos, deputacións e comunidades autónomas de toda España, sendo a Mobile Week Ourense o único proxecto galego seleccionado polo xurado desta edición.
A Mobile Week Ourense 2022 -a única iniciativa provincial deste tipo respaldada por Mobile World Capital- acolleu, entre o 15 e o 18 de setembro deste ano, máis de 70 actividades nun amplo programa que incluíu talleres, charlas, conferencias, demostracións e formación para achegar a tecnoloxía, dun xeito accesible e amigable, a cinco tipos de públicos: infantil, mocidade, padres e educadores, sénior e profesionais.
Un congreso arredor da transformación dixital do sector público
A XII edición do CNIS está prantexada, segundo os organizadores, para “ofrecer aos responsables dos tres niveles das administracións públicas un amplo e variado conxunto de experiencias reais de innovacións na transformación dixital e cultural do sector público”. Nesta edición participarán máis de 150 relatores, que representan a 65 institucións públicas diferentes e máis de 30 empresas patrocinadoras. O congreso conta co apoio da Comisión Europea, a Secretaría General de la Administración Digital, a FEMP ou a Comunidad de Madrid.