Ourense Provincia

O Psoe reivindica unha ordenanza para a recollida de residuos industriais non perigrosos

“Debe garantir a prestación integral, axeitada e xusta dos servizos na totalidade do territorio, que non é o caso na proposta actual”, apunta o voceiro socialista, Álvaro Vila.

Óscar Gómez

Ourense | 01.12.2023 07:46

O Psoe reivindica unha ordenanza para a recollida de residuos industriais non perigrosos
O Psoe reivindica unha ordenanza para a recollida de residuos industriais non perigrosos | onda cero

O Grupo Provincial Socialista reivindica modificacións “urxentes” na proposta de ordenanza reguladora da prestación patrimonial de carácter público non tributaria polo servizo público supramunicipal de recollida e recepción de residuos industriais non perigosos e especiais elaborada pola Deputación de Ourense para que sexa “equitativa” e “extensiva” a todos os concellos da provincia. “A ordenanza debe garantir a prestación integral, axeitada e xusta dos servizos na totalidade do territorio da provincia dos servizos de competencia municipal para a recollida e tratamento destes residuos, que non é o caso na proposta actual”, apunta o voceiro socialista, Álvaro Vila.

O texto proposto comprende dúas áreas principais, a saber, unha “zona prioritaria”, que abarca os polígonos industriais e empresariais dos concellos de San Cibrao e do Pereiro de Aguiar, e unha “zona non prioritaria”, que comprende a todas as zonas fóra destes dous municipios, mesmo aquelas próximas como poden ser a zona industrial de Seixalbo, no municipio de Ourense. “Non comprendemos, nin coñecemos, cal é o criterio xurídico, económico ou técnico segundo o cal se establecen unha serie de áreas prioritarias, dunha banda, e, doutra, unhas tarifas diferenciadas polo mesmo servizo, que varía en función dos concellos concernidos”, subliña o voceiro socialista na Deputación de Ourense.

Tarifas discriminatorias

A delimitación dunha “zona prioritaria” ten un impacto directo sobre o custo do servizo, que será repercutido ás persoas físicas ou xurídicas, privadas ou públicas, que fagan uso da prestación deste servizo público supramunicipal de recollida, recepción e tratamento de residuos industriais non perigosos e especiais dentro do termo provincial. Deste xeito, na proposta elaborada polo grupo de goberno do PP establécese para o servizo de recollida unha tarifa de 1,32 €/km para a “zona prioritaria”, é dicir, para San Cibrao e O Pereiro de Aguiar, e de 1,58 €/Km para a “zona non prioritaria”, que comprende ao resto de concellos da provincia.

“A ausencia da documentación técnica acreditativa ou que fundamente a delimitación das tarifas non nos permite coñecer en que se basea a cuantificación da prestación patrimonial”, explica o deputado provincial socialista pola comarca de Valdeorras, Aurentino Alonso. Tal estado de cousas implica que as empresas que precisen deste servizo fóra da zona definida como “prioritaria” e que se atopen a certa distancia de San Cibrao, como poderían ser os municipios da comarca de Valdeorras, veríanse fortemente damnificadas. “A discriminación é dobre, xa que, amais de ser penalizadas por atoparse a unha maior distancia e, polo tanto, ter que pagar por máis quilometraxe, a tarifa a pagar sería máis elevada”, denuncia Alonso.