Ourense Provincia

O Psoe reclama medidas a Xunta ante o "despoboamento brutal" da provincia

Os socialistas recordan que Ourense perdeu 136.000 habitantes no último medio século, sen que exista “unha debacle demográfica similar en España”, polo “é incuestionable” a idoneidade da provincia.

Óscar Gómez

Ourense | 18.10.2022 07:50

O Psoe reclama a Xunta o "despoboamento brutal" da provincia
O Psoe reclama a Xunta o "despoboamento brutal" da provincia | El País

O PSdeG-PSOE reclama á Xunta un “posicionamento inmediato e contundente”, co fin de que Ourense sexa a proposta do goberno galego para acoller a sede a Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia). Esta decisión permitiría frear o brutal despoboamento, cumprindo cun dos principais obxectivos desta iniciativa, estipulado así no real decreto que regula a desconcentración destes órganos. Tamén impulsaría o tecido empresarial e social dunha provincia moi necesitada de accións en favor do reequilibro territorial.

Os e as socialistas recordan que Ourense perdeu 136.000 habitantes no último medio século. “Non existe unha debacle demográfica similar en toda España”, destacan, polo que consideran “incuestionable” a “procedencia da elección da candidatura ourensá para representar a toda Galicia”, xa que “estamos ante unha provincia historicamente maltratada, cunha importante carencia de investimentos”.

A localización deste e doutros órganos do Estado será decidida mediante un procedemento establecido no Real Decreto 209/2022, baseado en criterios equitativos e independentes. Estes criterios inclúen, entre outros, a loita contra o despoboamento; a cohesión social e territorial; a mellora no funcionamento dos servizos públicos ou os niveis de desemprego. “Resulta evidente que a implantación da AESIA en Ourense sería un pulo a medio e longo prazo para a economía e a demografía”, insisten desde o PSOE.

“Este real decreto establece, por fin, medidas reais para darlle a volta á desfeita demográfica da nosa provincia e doutras zonas con problemas similares”, destacan, polo que “sería incomprensible” que as propostas oficiais puxesen o foco nalgúns dos territorios máis poboados e dinámicos de toda España.

Como xa explicaron anteriormente, os e as socialistas recordan que “está comprobado que afondar na descentralización de actividades e infraestruturas nos territorios que non son capital estatal ou rexional, contribúe a frear tendencias poboacionais negativas e a xerar innovación e emprego de calidade, así como a impulsar actividades económicas transversais”. Ademais, recordan que Ourense “cumpre sobradamente” outros criterios como ter boa conectividade, contar cunha facultade de informática consolidada e con estudos universitarios de intelixencia artificial.

O PSdeG-PSOE tamén reclama un “papel máis activo” ao alcalde da terceira cidade de Galicia, Gonzalo Pérez Jácome, e ao presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, que están “vergoñentamente desaparecidos e calados” nun momento “crucial” para a candidatura. “No lugar de estar de viaxe recollendo premios ou atacando aos empregados públicos municipais, Baltar e Jácome deberían estar apremiando á Xunta de Galicia para que Ourense sexa a escollida”, conclúen.