O PSdeG-PSOE de Ourense presentou algunhas das súas propostas para o deporte, incluídas no programa electoral co que concorren ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Entre as iniciativas máis destacadas está a da creación dun carné interclubs para fomentar a afección a través dunha estreita colaboración entre o Concello e ditas entidades.
“É prioritario para nós recuperar o orgullo, a ilusión e a saúde no deporte ourensán que fai anos representábanos por toda España con profesionais de élite que comezaron desde abaixo, desde a base. E isto implica acompañar aos deportistas desde o inicio para que poidan acadar as súas metas”, sinalou o número once da candidatura, Manuel Codeso, adestrador do equipo Cidade As Brugas de fútbol sala.
Por este motivo, o PSdeG-PSOE de Ourense pensou na creación dun carné que permita aos socios pertencer a varias entidades diferentes sen que supoña un custe desmesurado para os mesmos. “Deste xeito, un socio inscrito en tres equipos abonaría un 70% e o Concello, o 30% restante. No caso dos socios de catro equipos farían fronte ao 65% e o Concello, ao 35%. E para aqueles que se inscriban en cinco clubs reduciríase o prezo ata o 60%, encargándose a Administración local do restante”, pormenorizou.
Trataríase dunha medida transversal coa que se lograría: apoiar económicamente aos clubs, incrementar o número de socios dos mesmos e xerar un clima de afección e familiaridade desde as idades máis tempranas, conseguindo que familias enteiras poidan asistir aos partidos e competicións deportivas.
Así mesmo, explicou que, tanto para a elaboración do programa electoral como nestas semanas previas á campaña electoral, os socialistas reuníronse con diferentes clubs que lles trasladaron as súas problemáticas e dificultades. Algunhas delas tan básicas como non dispor de instalacións adecuadas e homologadas para adestrar en condicións óptimas e seguras. “Temos que axudar para que os proxectos que xa están funcionando poidan converterse en realidades e soños cumpridos”, puntualizou Codeso.
Apoiar os deportes reis e as iniciativas que xa hai na cidade –como a carreira de San Martiño ou o Rally de Ourense– son outros dos obxectivos dos socialistas, así como potenciar o deporte feminino. “É certo que nos últimos anos foi gañando en notoriedade e visibilidade, pero aínda queda moito por facer”, subliñou.
Sobre instalacións deportivas municipais
Preguntado sobre o escaso acceso ás instalacións deportivas municipais para o adestramento de nenos e nenas de distintos clubs da cidade, o membro da candidatura contestou que o máis urxente sería organizar os horarios. “As horas máis temperás da tarde deberían ser principalmente para os practicantes do deporte base e a partir das 20.00 horas para os de idade superior”, respondeu.
“Un dos nosos principios fundamentais é o de fomentar o deporte base e para iso imos ter que aumentar tamén as instalación nas que poidan practicar. Pero dentro do que xa hai, non poden terse privilexios de uso como se fosen espazos privados”, engadiu o aspirante á alcaldía, Paco Rodríguez.