Concello de ourense

O Psoe pídelle a Jácome que desbloque as obras da praza de abastos

“Jácome non ten unha idea clara do que quere facer. Móvese por ocurrencias e por poder facer caixa en todo o que poida”, criticou o concelleiro José Ángel Vázquez Barquero ante o edificio cuxas obras remataron hai un ano.

Óscar Gómez

Ourense | 04.10.2023 08:01

O Psoe pídelle a Jácome que desbloque as obras da praza de abastos
O Psoe pídelle a Jácome que desbloque as obras da praza de abastos | onda cero

“Este proxecto non avanza porque dende o minuto cero o alcalde se propuxo boicotear a iniciativa. E o boicot non só supuxo torpedear sistemáticamente todo, se non tamén a perda dunha subvención de 3,6 millóns de euros que proviñan da Administración central”, comezou sinalando nunha rolda de prensa o edil José Ángel Vázquez Barquero ante a Praza de Abastos número 1.

Os e as socialistas lamentan que o rexedor e o seu partido non teñan un proxecto de cidade, planificación do camiño a seguir nin unha xestión sobre un asunto de relevancia para a veciñanza e os praceiros e praceiras. “Jácome non ten unha idea clara do que quere facer. Móvese por ocurrencias e por poder facer caixa en todo o que poida”, criticou o concelleiro que este venres presentará una moción, para o desbloqueo urxente de este espazo, no pleno ordinario de outubro.

O primeiro acordo que recolle dita moción é a adopción de todas as medidas oportunas para o desbloqueo urxente da Rehabilitación Integral da Praza de Abastos. O segundo persegue instar ao Goberno local á convocatoria da comisión de seguimento das obras para a presentación dun cronograma completo de actuacións destinadas a reactivar o proxecto: urbanización da contorna do edificio histórico, elaboración do plan funcional para a futura distribución comercial, 2ª fase do proxecto de remodelación do Rianxo e o seu arredor e construción dunha piscina termal nos baixos de dito edificio.

“O Executivo de progreso do PSOE e o BNG aprobou, no 2011, o proxecto de rehabilitación integral e a súa contorna. Para desenvolvelo concurriuse a diversas convocatorias de subvencións. No 2015 concedeuse a mencionada do Estado e era preciso intervir. Non obstante, nin o Goberno de Jesús Vázquez (PP) nin o de Gonzalo Pérez Jácome (DO) fixeron nada por sacalo adiante”, resumiu o edil sobre os últimos anos. E aclarou que a obra contratada non contemplaba factores fundamentais como a división interna da praza para a distribución dos postos dos praceiros e praceiras, a urbanización do que era o antigo mercado das flores ou das zonas próximas como os locais comerciais que están situados debaixo da Alameda, así como a accesibilidade ás rúas Progreso, doutor Fleming e a ponte do Barbaña. “Todas estas actuacións si formaban parte do proxecto de rehabilitación integral e ningún dos dous alcaldes foi quen de pensar en acometelo de xeito completo, quedaba coxo”, puntualizou.

Neste senso, o grupo municipal socialista advirte, na moción rexistrada, da enorme irresponsabilidade de Jácome, a súa inquina persoal con este proxecto dende o inicio e a súa incapacidade de xestión que provocan que, a día de hoxe, Ourense conte cunha obra rematada sen visos de continuidade, “un edificio que pode ser fácilmente presa do abandono e do vandalismo e outra dotación máis pechada a cal e canto no corazón da cidade”.

“Se ben a obra contratada rematou no verán de 2022, en novembro a dirección da mesma solicitou a realización dun modificado para poder urbanizar a zona inmediata á Praza de Abastos para dotala da seguridade precisa. En xaneiro, a empresa presentou o proxecto para o modificado e foi informando favorablemente polos técnicos de urbanismo e a Xunta fixo o mesmo. Pero todo continúa paralizado por culpa de Jácome que segue sen mover ficha”, rematou o socialista.