O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o “total abandono” dos barrios da cidade e pon o foco no barrio de A Ponte, no que as promesas “incumpridas” tanto por Jácome como polo Partido Popular teñen a un dos barrios máis “populosos” da cidade “practicamente paralizado”. Os socialistas denuncian que no que vai de mandato non houbo nin un só avance para pór en funcionamento infraestruturas básicas como a oficina do ecobarrio, o Espazo Lusquiños, a praza de abastos da Ponte. A elo súmase a ausencia total de iniciativas para recuperar a locomotora ou solucionar os problemas da beirarrúa da Ponte Romana.
Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que chegou o momento de que o bigoberno “responda as preguntas de oposición e nos aclare que vai a acontecer con proxecto clave do barrio, que levan anos paralizados”. Os socialistas destacan que de “todas as peticións feitas ao longo deste mandato, o Concello só foi quen de dar resposta a reorganización do tráfico do acceso á estación Empalme”. Esta última foi unha iniciativa dos socialistas en xunta de área, onde tamén aproveitaron para preguntar polo proxecto do Parque de Canedo “do que non obtivemos ningunha resposta”, e pedimos unha mellora de áreas verdes e parques infantís “actuaron nalgunhas, pero a gran maioría continúan totalmente abandonadas”.
Os socialistas amósanse especialmente críticos coa situación da praza de abastos do barrio que leva “pechada a cal e canto” dende que remataran as obras de rehabilitación no ano 2014. “Jácome comprometeuse a que se era alcalde estaría aberta en 90 días, pero case 1000 despois todo segue igual”, afirman os socialistas, que lle piden que se “deixe de anuncios nos medios e de falsas promesas e se poña a traballar por unha dotación senlleira da Ponte”.
En situación similar atópase o Espazo Lusquiños, os socialistas denuncian o “abandono total” dunha instalación “clave” para a mocidade do barrio e da cidade e que leva case 3 anos “totalmente pechado, gracias a inacción de PP e DO”. A isto súmase a situación da locomotora do tren da que segundo os socialistas non houbo máis novas con respecto a súa rehabilitación integral, “déronlle unha man de pintura no seu momento, pero non se actuou para frear o seu deterioro”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén reclaman que se asfalte e proceda a reparar as numerosas beirarrúas do barrio que se atopan nun estado “lamentable e deplorable” e afirman que o barrio da Ponte “son máis das 4 rúas nas que se actuou”, motivo polo que esixen “un plan integral para a reparación completa das rúas e beirarrúas de toda a Ponte”. Tamén lle piden ao alcalde que “mellore a accesibilidade da nova oficina municipal do barrio”, xa que as longas ringleiras “bloquean a mobilidade na beirarrúa”.
O executivo de Feijóo tampouco fixo os deberes
O PSdeG-PSOE de Ourense volve a denunciar tamén o total “abandono” do goberno galego do Partido Popular, encabezado por Alberto Núñez Feijóo, que converteu o barrio da Ponte “no referente das promesas incumpridas do PP na Xunta”. A oficina do ecobarrio, dependente da Xunta de Galicia, continúa a día de hoxe “pechada”, a pesar dos requirimentos “constantes” dos socialistas para a súa posta en funcionamento. “O ecobarrio da Ponte, que foi anunciado a bombo e platillo por unha ducia de cargos do PP, é, a día de hoxe, unha quimera pola falta de interese dos populares en que se poña en funcionamento”, afirman os socialistas, que tamén apuntan “non foi máis que un proxecto electoralista co que enganar á veciñanza de Ourense”.
Os socialistas tamén critican que a beirarrúa a carón da Ponte Romana “continúe a día de hoxe valada” e piden “solucións” para unha situación que se “demorou” demasiado no tempo e que acumula 3 anos “dando unha imaxe dantesca” aos veciños, veciñas e turistas que visitan Ourense e presenta risco de derrubamento. “Non pode ser que unha das nosas xoias patrimoniais como é a Ponte Romana presente este estado de abandono”, apuntan os socialistas, polo que lle piden ao goberno municipal e autonómico que se “impliquen” para rematar co “desleixo e abandono”.