Concello de Ourense

O Psoe de Ourense amosa o seu "total" apoio á comunidade senegalesa

A comunidade senegalesa de Galicia convocou este pasado domingo unha concentración na Praza Maior de Ourense para “preservar a democracia” e denunciar a “represión política” no seu país, esixindo a liberación de Ousmane Sonko, líder da oposición.

Óscar Gómez

Ourense | 27.09.2023 08:05

O Psoe de Ourense amosa o seu "total" apoio á comunidade senegalesa
O Psoe de Ourense amosa o seu "total" apoio á comunidade senegalesa | onda cero

A comunidade senegalesa de Galicia convocou este pasado domingo unha concentración na Praza Maior de Ourense para “preservar a democracia” e denunciar a “represión política” no seu país, esixindo a liberación de Ousmane Sonko, líder do partido de oposición Patriotas do Senegal (PASTEF). Os e as participantes na manifestación portaban cartaces coa imaxe de Sonko e con proclamas de denuncia, onde se podía ler “xa son máis de 1.500 detidos políticos en Senegal” e, aludindo directamente ao presidente senegalés, “Macky Sall, ditador”. “Asistimos a un retroceso alarmante das liberdades políticas no Senegal durante estes últimos tempos e non podemos permitir que isto siga pasando”, denunciou Mansour Wade, senegalés afincado en Ourense.

Wade tamén fixo referencia á chegada de pateras con inmigrantes ás costas españolas, imputando tal feito a “unha mala xestión do país, que conta con inxentes recursos, pero que non redundan no beneficio das nosas xentes que, condenadas á pobreza, atopan na emigración a súa única vía de escape”. Neste senso, a comunidade senegalesa fixo un chamamento explícito á UE e á ONU para “deixar de mirar cara outro lado e facer fronte á dramática situación que atravesa o Senegal”. Segundo Wade, "a nosa única esperanza a día de hoxe pasa pola liberación de Sonko, quen coñece as realidades do país e, precisamente por iso, están a tentar eliminalo politicamente a través dun uso interesado e corrupto da xustiza”.

Á concentración, que contou coa presenza de ducias cidadáns de orixe senegalés, acudiron os secretarios de emigración e relacións internacionais da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín e David Alvarado. Gulín transmitiu “a nosa solidariedade e máxima predisposición do PSdeG da provincia de Ourense para traballar na sensibilización das nosas veciñas e veciños sobre os indicios de violación sistemática dos dereitos humanos en Senegal”. “Non é a primeira vez que o presidente Sall pretende neutralizar xudicialmente a un adversario político, xa que Karim Wade e Khalifa Sall correron a mesma sorte”, indicou Alvarado. “Lamentamos moito o xiro da situación política nun país cunha certa tradición democrática de alternancia, xa que os dous últimos anos implican unha disrupción clara da estabilidade institucional que ven desde a independencia do país en 1960”, concluíu este.

A comunidade senegalesa de Galicia lembrou que o actual presidente, que levaría anos manobrando para “forzar a Constitución” e presentarse a un terceiro mandato consecutivo, ten afogado todas as vías pacíficas de denuncia, empregando munición real fronte aos manifestantes e mesmo o uso de forzas paramilitares, a quen acusan de “casos de tortura e asasinato”. “Esiximos a fin das detencións arbitrarias, a liberación dos presos políticos, a fin da instrumentalización da xustiza polo Executivo e do uso de milicias privadas contra inocentes cidadáns”, engadíu Wade. A diáspora tamén denuncia o bloqueo de Internet, que dificulta as mobilizacións e ameaza economicamente a unha poboación que depende das remesas que chegan do exterior, impedindo transaccións cotiás das que depende a subsistencia de milleiros de senegaleses.