Concello de Ourense

O Psoe lamenta a caótica xestión económica de Jacome coa axuda do P.P.

O PSdeG-PSOE de Ourense criticou o escurantismo e a falta de información por parte do Goberno de Jácome sobre a documentación das modificacións orzamentarias que se levaron a votación ao pleno extraordinario.

Óscar Gómez

Ourense | 14.09.2023 08:05

O Psoe lamenta a caótica xestión económica de Jacome coa axuda do P.P.
O Psoe lamenta a caótica xestión económica de Jacome coa axuda do P.P. | La Región

Os socialistas lembraron que as catro partidas, que ascenden a case 15 millóns de euros en total, aprobáronse grazas ao PP. “Isto só é outra demostración máis de que o Partido Popular está a darlle aire e gasolina a Jácome”, advertiu a concelleira socialista Natalia González sobre o nulo labor de fiscalización que exercen os populares.

“O servizo de autobuses urbanos continúa en precario dende o ano 2015 e nin o PP nin Jácome renovaron a concesión”, subliñou a tamén voceira do grupo municipal no Concello. “O PSOE non está en contra de todo por sistema. Mais non imos a branquear, en ningún caso, nin irregularidades nin cousas que se están facendo mal”, argumentou sobre o voto en contra dos e das socialistas a unha partida de case 8 millóns para marquesiñas e vehículos de transporte público.

“Non estamos en contra de que haxa novos buses. Iso si, oxalá foran mellores. Porque os anteriores botarían fume, pero agora hai que entrar de perfil nos novos e nin se quera poden acceder con facilidade as persoas con mobilidade reducida ou as nais e pais que levan carriños de bebé. É unha tristeza gastar semellante cantidade de cartos públicos nuns autobuses moi corporativos e nada funcionais”, denunciou na súa quenda de intervención.

No que se refire á modificación orzamentaria, por importe de 5,5 millóns de euros, derivada da liquidación do ano 2022 e cualificada desfavorablemente pola intervención municipal por omitir información, a concelleira María Fernández afirmou que aprobala non implica que “as persoas ou entidades, físicas ou xurídicas, que teñen débedas co Concello de Ourense vaian a cobrar”.

Nesta liña, explicou que dende o grupo socialista non puideron identificar cales son as facturas que se pretenden, ou non, pagar por ter solicitado acceso ás mesmas con anterioridade á sesión plenaria e non recibir resposta. “A modificación que se quere aprobar non é para pagar a acreedores. É para habilitar un crédito sen saber para que se vai empregar dito crédito. E a día de hoxe non sabemos nin que, nin a quen se debe, nin como ou cando se vai a pagar”, incidiu na súa intervención Fernández.

Por outra banda, os e as socialistas votaron a favor da aprobación da partida orzamentaria para adquirir radares de control de velocidade e cámaras para instalar no acceso ao casco histórico por tratarse dunha subvención parcial do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana destinadas ás zonas de baixas emisións. “Entendemos que isto servirá para poñer fin á selva na que convertiu a zona vella co tránsito de vehículos”. Inxeriu a portavoz do PSdeG.

González tamén denunciou durante a sesión plenaria extraordinaria o deslexo do rexedor no que se refire ás partidas orzamentarias destinadas a servizos sociais que deixaron sen axudas económicas a persoas e asociacións que cumprían cos requisitos estipulados nas bases. “Agardo a mesma axilidade para as modificacións que eviten que un cento de familias queden sen bolsas para material e comedor escolar e que as 11 entidades cobren as subvencións do Concello que precisan para desenvolver o seu labor”, reclamou.

Dende o grupo municipal socialista lamentan que non se retransmitise a sesión plenaria, como é habitual, a través de internet para que toda a cidadanía e xornalistas que non puideran asistir presencialmente tiveran a oportunidade de velo en directo ou en diferido. “O debate de hoxe non lle interesa para facer o seu xogo porque a súa xestión económica e orzamentaria é un auténtico caos”, sinaloulle a voceira dos socialistas ao alcalde.