Ourense Cidade

O Psoe homenaxea ás vítimas da guerra civil e o franquismo que foron asasinadas

O subdelegado do Goberno, Emilio González, quixo recordar especialmente ás mulleres que foron perseguidas polas súas creencias ou identidades e ás que “non se lles permitiu desenvolverse como seres humanos ata a chegada da democracia e a Constitución”.

Óscar Gómez

Ourense | 31.10.2023 16:58

O Psoe homenaxea ás vítimas da guerra civil e o franquismo que foron asasinadas
O Psoe homenaxea ás vítimas da guerra civil e o franquismo que foron asasinadas | onda cero

O grupo municipal socialista, coa representación das concelleiras Natalia González e Alba Iglesias; a Executiva Local do PSdeG-PSOE, coa representación da tamén secretaria xeral, Natalia González, o secretario de memoria democrática, Xosé Lois Carrión, e o secretario de sanidade, Alberto Fidalgo; así como o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, ou o secretario xeral de XX.SS de Galicia, Xurxo Doval, e outros integrantes participaron nun acto en homenaxe ás vítimas da guerra civil e o franquismo.

“Queremos lembrar a todas aquelas persoas que perderon a vida inxustamente por defender as súas ideas e valores”, comezou intervindo Natalia González na Praza da República, anteriormente coñecida como Campo de Aragón, onde foron fusilados máis dun cento de españois. Mais non só se rendeu homenaxe aos e ás asasinadas, tamén a aqueles que tiveron que exiliarse ou resultaron presas en cárceres e campos de concentración ou traballo. “A pesares da barbarie, o ditador non conseguiu borrar as ideas dos centos de miles de vítimas, os valores democráticos, de xustiza social, de igualdade e de liberdade que tiveron que durmir no silencio durante anos”, engadiu Xosé Lois Carrión.

Na súa quenda, Emilio González quixo recordar especialmente a aquelas mulleres que foron perseguidas polas súas creencias ou identidades e ás que “non se lles permitiu desenvolverse como seres humanos ata a chegada da democracia e a Constitución”.

Sobre o presente da España constitucional e democrática actual falou tamén Alba Iglesias. “Unha España que polo esforzo e sacrificio de moitos demócratas fixo posible o nacemento dunha Constitución sobre a que a sociedade ten construído un sistema de dereitos e liberdades, unha democracia que é recoñecida internacionalmente como unha das máis avanzadas do mundo”, expresou.

“Os demócratas reivindicamos a Transición como un dos momentos máis brillantes da historia, momento histórico que supuxo pasar de forma pacífica dunha cruel ditadura e que se fundamentou nun amplo compromiso social e político para superar as graves e profundas feridas que sufrira a sociedade española co golpe de estado de 1936 contra o Goberno da II República elixido democraticamente, ao que seguiron unha cruenta Guerra e corenta anos de ditadura e represión franquista”, subliñou Xurxo Doval.

O acto rematou cunha ofrenda floral no cemiterio de San Francisco ante o memorial das vítimas fusiladas e contou, así mesmo, coa presenza de integrantes da asociación ourensá de Amigos da República.