Crisis Hostelería

O Psoe esixe axudas "directas, inmediatas e áxiles" ao sector da hostelería

O deputado autonómico, Juan Carlos Francisco, subliñou que “hai que esixirlle a Feijóo contías que lles permitan aos hostaleiros compensar as perdas que están sufrindo con motivo das restricións”

Óscar Gómez

Ourense | 16.11.2020 08:31

O Psoe esixe axudas "directas, inmediatas e áxiles" ao sector da hostelería
O Psoe esixe axudas "directas, inmediatas e áxiles" ao sector da hostelería | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle a José Manuel Baltar, Alberto Núñez Feijóo e Gonzalo Pérez Jácome que habiliten unha liña de axudas “directas, inmediatas e áxiles” para rescatar ao sector da hostaleira e aos autónomos que están vivindo unha grave crise económica por mor das restricións e o confinamento que afecta a cidade e a provincia de Ourense dende hai máis dun mes. O voceiro provincial, Rafael Rodríguez Villarino, o deputado no Parlamento de Galicia, Juan Carlos Francisco, o deputado provincial, Ignacio Gómez e a concelleira, Juana Ageitos ofreceron unha rolda de prensa esta mañá na que cargaron duramente contra a “desidia e o desleixo” dos máximos representantes do Concello de Ourense, Deputación de Ourense e Xunta de Galicia aos que acusan de “abandonar a súa sorte ao sector da hostalería e a restauración”.

Os socialistas presentaron xa no Parlamento de Galicia unha Proposta Non de Lei do Grupo Socialista para esixir ao goberno galego que adopte un “plan inmediato, áxil e eficaz” de axudas directas a fondo perdido para paliar os estragos económicos da COVID no sector da hostalería. Proposta que foi aprobada por unanimidade e que segundo explica o deputado autonómico, Juan Carlos Francisco Rivera, “trátase da insistencia durante moitísimo tempo na necesidade de que a Xunta adopte axudas inmediatas e directas a un sector castigado polo confinamento e as restricións e que por fin o PP se decidiu a apoiar tralas negativas das últimas semanas”.

Unha iniciativa que consiste en prestar de modo áxil, inmediato e de forma directa axudas ao sector e que segundo remarca Francisco ”hai que esixirlle a Feijóo contías que lles permitan aos hostaleiros compensar as perdas que están sufrindo con motivo das restricións”. Os socialistas esixíronlle no Parlanmento galego a Núñez Feijóo que publique de xeito inmediato as axudas no DOG, que teña en conta o carácter retroactivo e a situación específica a que se viu sometida a hostelería na cidade de Ourense e en varias comarcas e concellos como Verín, O Carballiño, Barbadás, O Barco ou Xinzo. “Feijóo debe tomar nota das axudas ofertadas noutras Comunidades Autónomas coma Euskadi ou Murcia, onde se concederon máis de 40 millóns de euros e non os 12 que pretende darlle Feijóo aos máis de 12.800 negocios pechados en Galicia”, remarcou Francisco Rivera.

Dende o Grupo Provincial Socialista tamén se anunciou unha moción que levarán ao vindeiro pleno da Deputación de Ourense e na que se lle pide o ente provincial a aprobación inmediata de axudas directas para a hostalería na provincia. Os socialistas piden nas propostas de acordo que se inste á Xunta de Galicia a aprobar un programa de rescate integral para a hostalería na comunidade autónoma que inclúa todas as demandas expresadas polos profesionais do sector. Tamén lle esixen a o grupo de goberno provincial que inste á Xunta a aprobar medidas específicas para compensar aos afectados e afectadas da hostalería da provincia de Ourense que sufriron as restricións na súa actividade impostas polo goberno galego. Tamén instan a Deputación a suplementar nun 20% o importe das axudas da Xunta de Galicia para a hostalería, co fin de compensar aos afectados e afectadas na provincia que sufriron restricións nas súas actividade un mes antes que o resto da comunidade.

O deputado provincial Ignacio Gómez fixo fincapé en que a provincia de Ourense “é a máis castigada e afectada dende fai tempo polas restricións” e fíxolle un chamamento ao presidente da Deputación José Manuel Baltar para que “exerza o equilibrio territorial do que se farta de falar, pero que cando chega a hora da verdade está calado sen defender os intereses da provincia diante de Feijóo”. Tamén remarcou que a Deputación de Ourense “é a única que non está facendo nada en apoio da hostalería” e acusou a Baltar de “presumir de ourensanía e agocharse no seu despacho para dar as costas á hostalería da provincia e aos autónomos”.

“Chega o momento de que a Deputación colabore cando a Xunta teña tamén a ben facer efectivas esas axudas”, explica Gómez, que tamén remarca que os socialistas “puxemos unha cantidade do 20% para ser xustos”. O vicevoceiro dos socialistas na Deputación non quixo entrar na demagoxia e populismo de Baltar, pero esixiulle “axudas directas, áxiles e que se fagan canto antes porque a hostalería está nunha situación dramática” e subliñou que “que sexan áxiles e directas, non quere dicir que sexan personalizadas e individualizadas e para quen Baltar queira”.

Tamén neste senso se manifestou o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, que acusou ao Partido Popular de “ser moi belixerantes nos concellos nos que non gobernan, namentres escorren o bulto nos concellos nos que teñen responsabilidades”. Villarino tamén relatou que “Ourense parece que non ten quen a defenda porque a Deputación non opta por medidas efectivas, reais e que demostre que están á altura doutras deputacións”. O secretario provincial remarcou que se lle pide a Deputación que “contribúa a lo menos cun 20% para facer as cousas legais, ben e para todos e que se unan a unha posible contribución da Xunta de Galicia, que é o único ente autonómico que non aportou aínda axudas aos autónomos”.

No relativo ao Concello de Ourense, a concelleira Juan Ageitos puxo o foco no desleixo de Jácome e lembroulle que “a estas alturas xa deberiamos estar coa segunda liña de axudas ao sector hostaleiro, que se atopa asfixiado e ao comercio que necesita dun empuxe do Concello de Ourense”. Ageitos pediulle a Jácome medidas para que comerciantes, autónomos, ocio nocturno e hostaleiros “queden exonerados do pagamento das taxas de lixo e auga” e que se busquen medidas para que “poidan sufragar os alugueres”.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista fixo tamén un chamamento para que “comece canto antes outro plan de axudas porque a hostalería non pode aguantar máis” e criticou que a reunión do alcalde e voceiros coas asociacións de hostaleiros “chega tarde e xa se tería que ter feito”. “Pedímoslle a Jácome e o seu concelleiro responsable que comecen a traballar e a falar cos comerciantes, porque as luces de Nadal son importantes, pero máis importante é escoitar as súas reivindicacións”, finalizou Juana Ageitos.

Pola súa banda, Rodríguez Villarino fixo fincapé en que a cidade ·necesita medidas integrais” e destacou que “o desleixo do Partido Popular ao longo dos últimos anos deixou recursos suficientes para levar a cabo estas medidas”. Villarino manifestou tamén que a proposta dos socialistas “é ambiciosa pois integra a Concello, Xunta e Deputación para facer fronte as axudas ao sector”.