Vilolencia de Género

O Psoe denuncia que Ourense e a única cidade sen programación do 8M

“Dende hai seis anos, pasamos de ser un Concello referente a nivel autonómico en políticas de igualdade a quedar reducidos á mínima expresión”, lamentan as socialistas

Óscar Gómez

Ourense | 08.03.2021 08:06

O Psoe denuncia que Ourense e a única cidade sen programación do 8M
O Psoe denuncia que Ourense e a única cidade sen programación do 8M | La voz de galicia

O PSdeG-PSOEdenuncia que Ourense é a única das sete grandes cidades galegas que carece de programación de actos alternativa e adaptada ás restricións pola Covid-19 con motivo do Día Internacional da Muller.

Neste sentido, as socialistas defenden que foron o único grupo político que puxo sobre a mesa unha batería de propostas para a celebración segura do 8 de marzo no Consello Municipal da Igualdade, entre as que se incluían a posta en valor do Parque 25-N, a reactivación do rueiro das mulleres ou a realización dun mural de graffiti feminista que retratase aquelas mulleres que forman parte da historia da cidade.

“Outras cidades como Pontevedra, Lugo ou Ferrol están levando a cabo programas moi semellantes aos que nós propuxemos, garantindo a seguridade das persoas e sen renunciar á conmemoración dun día histórico para os dereitos das mulleres”, salientou a concelleira Concha García, que lamenta que o “microgoberno” decidise “pechar nun caixón” as iniciativas socialistas, e interpreta a falta de compromiso co Día Internacional da Muller por parte do Concello como un paso máis no “desmantelamento das políticas de igualdade” na cidade.

Ademais, as socialistas lembran que o “microgoberno” recoñeceu abertamente que este ano non tiña sequera previsto convocar o Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres, e que foi precisamente unha iniciativa socialista a que propiciou que este galardón fose finalmente fallado en favor das traballadoras do SAF.

“Dende hai 6 anos, pasamos de ser un Concello referente a nivel autonómico en políticas de igualdade a quedar reducidos á mínima expresión”, declarou a vicevoceira do grupo, Natalia González. “Estamos gobernados por un executivo formado integramente por homes e somos parte dunha corporación na que, de xeito especial, as mulleres socialistas temos que loitar cada día para colocar a igualdade e o papel da muller na axenda de prioridades da nosa cidade”, concluíu González.

O PSOE CONMEMORA O 8 DE MARZO CUNHA HOMENAXE ÁS MULLERES SANITARIA

No acto participaron 6 mulleres relacionadas co ámbito sanitario que recibiron a homenaxe e un obsequio por parte da secretaría provincial de igualdade. Participaron no mesmo Uxía Oviedo, secretaria de acción electoral e política institucional das Xuventudes Socialistas de Ourense; a concelleira socialista, Natalia González; a secretaria provincial de igualdade, Zaida Rodríguez e o secretario provincial e voceiro municipal, Rafael Rodríguez Villarino.

A primeira das intervencións correu a cargo de Uxía Oviedo, que procedeu a lectura do manifesto con motivo do 8M e subliñou que os socialistas “sempre fixemos nosa a axenda feminista”, destacando que “é un aceno de identidade do noso partido e é a raíz da nosa loita, a mestura imbatible polo humanismo e a xustiza social”. Oviedo tamén puxo o foco nas mulleres das que dixo “saíron do século XX e penetraron no XXI coñecendo a potencia da súa influencia”. Tamén recalcou que “esta forza, a razón que nos asiste, o pasado do que vimos e o futuro que labraremos polo ben común para todos e todas pola xustiza social”.

A concelleira socialista, Natalia González, quixo pór de relevancia que “Ourense será a única das 7 grandes cidades galegas sen programación de actos alternativa e adaptada ás restricións obrigadas polo COVID-19 para o Día Internacional da Muller”. A socialista tamén expresou que “o traballo e compromiso coa igualdade dos socialistas no Concello de Ourense acadou que a lo menos se convocara a XV edición do Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres, e puidera ser fallado en favor da laboura das mulleres do SAF no presente ano, porque o micro goberno de Jácome recoñeceu abertamente que nin sequera tiña previsto convocalo”.

González Beneitez tamén destacou que o PSOE “foi o único grupo político que puxo sobre a mesa unha batería de propostas no Consello Municipal da Muller para a programación do 8M, que foi obviada pola desidia, capacidade e falta de compromiso de Jácome e os seus, outro paso máis no desmantelamento dos actos a prol da loita pola igualdade e a defensa dos dereitos das mulleres despois do feito previamente o pasado 25N”.

Pola súa banda, a secretaria provincial de igualdade do PSdeG-PSOE de Ourense, Zaida Rodríguez, manifestou que “se algo acadou esta pandemia foi a necesidade de priorizar os coidados das persoas, unha labor tradicionalmente desempeñada por mulleres”. Rodríguez explicou que o motivo de homenaxear as sanitarias foi sen dúbida que “moitas mulleres de todo o mundo participaron de forma directa na resposta ante a pandemia na primeira liña como foi o caso das sanitarias ou as coidadoras das residencias de maiores polo que temos a obriga de non esquecernos delas”.

Rodríguez tamén fixo fincapé en que a pandemia da Covid-19 trouxo consigo diferentes consecuencias e que considera que “é necesaria a perspectiva de xénero”. A secretaria de igualdade dos socialistas ourensáns rematou amosando “o máis profundo recoñecemento e agradecemento a labor das traballadoras sanitarias que hoxe nos acompañan e para todo o colectivo do sector da sanidade”.

Rematou o acto o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, que comezou facendo referencia ao fundado do PSOE, Pablo Iglesias Pose, cuxos pais casaron en Ourense na Igrexa da Trinidade. O voceiro municipal tamén fixo referencia a Florence Nightingale a que dixo “debemos render tributo entre outras mulleres sanitarias, ao tratarse dunha referente”. Villarino fixo fincapé tamén, dirixíndose as sanitarias ourensás, en que “sodes as que levades na actualidade o amparo aos doentes en circunstancias difíciles, particularmente aos contaxiados polo coronavirus, poñendo en risco vosa saúde e a das vosas familias, de cuxa compaña tivésedes que afastarvos máis dunha vez para protexelas”.

Rodríguez Villarino tivo tamén palabras de agradecemento cara o colectivo de sanitarias, das que dixo que “grazas a vos os hospitais son matrias, e matrias son tamén vosas casas, lugares seguros ambos pola competencia, compromiso e denodado esforzo cos que vos aplicades cada día de traballo”. O secretario provincial finalizou apuntando ao recoñecemento público a estas mulleres por parte de todos os estamentos do PSdeG-PSOE de Ourense e apuntou que “neste día sentímonos afortunados de contar coa vosa presenza”.