Ourense Cidade

O Psoe amosa o seu rexeitamento ao uso de animais na cabalgata de reis

“Ourense ten que aspirar a ser referente no compromiso polo benestar animal. A tendencia lóxica en toda Europa é cara a eliminación deste tipo de espectáculos”, afirma a edil Alba Iglesias.

Óscar Gómez

Ourense | 15.12.2023 07:51

O Psoe amosa o seu rexeitamento ao uso de animais na cabalgata de reis
O Psoe amosa o seu rexeitamento ao uso de animais na cabalgata de reis | La Región

O grupo municipal socialista lamenta que un ano máis o alcalde Gonzalo Pérez Jácome vaia contratar renos de carne e oso para o espectáculo da chegada de Papá Noel, saltándose os dous acordos plenarios aprobados no Concello de Ourense, o máis recente deles sometido a votación en decembro de 2022 a través dunha moción presentada polo PSdeG.

Nesta iniciativa, en concreto, instábase ao goberno local a respectar a adhesión de Ourense, no 2013, á rede de cidades libres de circos con animais e á redacción dunha nova ordenanza municipal que incluise o rexeitamento expreso á utilización de todo tipo de animais vivos en espectáculos públicos e actividades recreativas. Estas medidas foron aprobadas co apoio do grupo municipal do BNG e as abstencións do PP e Ciudadanos.

“Ourense ten que aspirar a ser referente no compromiso polo benestar animal. A tendencia lóxica en toda Europa é cara a eliminación deste tipo de espectáculos. Por este motivo, dende o grupo municipal socialista non podemos máis que amosar o noso frontal rexeitamento cara a utilización de animais vivos no Nadal da nosa cidade”, sinala a edil socialista e secretaria xeral de XX.SS., Alba Iglesias.

Así as cousas, lembra que son varias as asociacións que advirten, ano tras ano, que empregar renos ou dromedarios nas cabalgatas e espectáculos destas datas non deixa de ser “unha forma de maltrato animal encuberto” e que se ven expostos a un estrés innecesario ao seren extraídos do seu medio habitual. Son múltiples os estudos científicos que amosan que os seus organismos manifestan unha serie de respostas fisiolóxicas perxudiciais para a súa saúde.

En decembro de 2022, FFW (Fundación Franz Weber) rexistrou unha petición na plataforma Change.org para reclamar explicitamente ao Concello de Ourense que non contratara animais nos desfiles, que reuniu máis de 77.000 sinaturas, e á que o alcalde tamén fixo ouvidos xordos. “Por desgraza, hox en día, temos o circo dentro da Casa Consistorial e aos animais sendo utilizados nas rúas para o espectáculo”, remata Iglesias.