O PSdeG-PSOE de Ourense a través da súa secretaría provincial de igualdade e con motivo do Día da Igualdade Salarial amosa o seu compromiso para rematar con esta fenda, que é resultado da suma de discriminacións que as mulleres sofren no mercado de traballo e no ámbito privado, e que ademais, se viu incrementada polas consecuencias sociais e económicas derivadas da situación de crise sanitaria ocasionada pola pandemia da COVID-19. As socialistas manifestas que a principal causa de que o salario anual das mulleres sexa menor que o dos homes é que “o peso dos coidados a menores, persoas maiores ou axuda no fogar recae desproporcionadamente nas mulleres”.
A fenda salarial de xénero sitúase no 21,4% segundo os últimos datos do INE de 2018, o que amosa que o salario medio bruto das mulleres representou o 78,6 do salario medio bruto masculino. As socialistas apuntan que a realidade laboral das mulleres caracterízase pola “parcialidade”, xa que as mulleres supoñen o 74,4% dos contratos a tempo parcial, pero tamén por contar cunha taxa de paro superior. España e o segundo país da Unión Europea con maior taxa de paro entre mulleres. A elo tamén se engade a dificultade que teñen as mulleres e os obstáculos que se atopan para acceder a postos de responsabilidade. “Nas empresas do IBEX-35 en 2020, as mulleres conselleiras só representaban o 29,3% e as presidentas o 6,1%”, explican dende o PSdeG-PSOE de Ourense.
Para a secretaria provincial de igualdade, Zaida Rodríguez, é “indispensable” profundar na mellora das condicións das mulleres no ámbito da súa independencia económica e, por tanto “da garantía das condicións materiais para ter unha vida digna”. Rodríguez tamén apunta que “grazas as melloras introducidas polo Goberno do PSOE conseguiuse reducir a fenda de xénero nas pensións, aínda que a pensión media que reciben as mulleres aínda segue sendo un 31,1% inferior á dos homes. Por este motivo, os socialistas impulsaron a pensión complementaria asociada aos períodos posteriores á maternidade do primeiro fillo ou filla, que é onde maioritariamente se produce a saída o mercado laboral das mulleres.
O Grupo parlamentario Socialista rexistrou unha Lei de igualdade laboral que non puido aprobarse na pasada Lexislatura pola disolución das Cortes e as convocatorias electorais. Con todo, o Goberno socialista rescatou as súas medidas máis importantes e aprobou no ano 2019 unha Real Decreto-Lei coas medidas máis necesarias para garantir a igualdade entre homes e mulleres no emprego, para atacar de maneira urxente os elementos discriminatorios no itinerario laboral das mulleres e, en definitiva, para garantir o cumprimento do principal valor da Constitución, que é a igualdade.
“Froito dese Real Decreto-lei e grazas tamén á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para 2021, por fin logramos a equiparación total dos permisos de paternidade e maternidade”, explica Rodríguez, que tamén apunta que “así mesmo, continuouse dando desenvolvemento ás medidas contidas na Real Decreto-lei co recente establecemento da obrigatoriedade dun rexistro de salarios para eliminar a brecha salarial; e a modificación da lexislación para estender os plans de igualdade; ademais recuperouse a cotización á Seguridade Social das coidadoras de persoas con dependencia”.
Nos próximos anos o PSOE traballará para que o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia co que se van a mobilizar 140.000 millóns de euros dos fondos europeos entre transferencias e préstamos que posibilitarán a modernización da nosa estrutura produtiva e o crecemento da economía española a longo prazo en máis dun 2% adicional do PIB tamén teñan en conta a perspectiva de xénero. Eliminar as brechas de xénero, vai ser o obxectivo transversal que sirva como compás para elaborar todos os proxectos tractores.
“Adherímonos á recente Resolución adoptada polo Parlamento Europeo sobre “a estratexia da Unión para a igualdade de xénero” en prol da igualación dos salarios e as condicións de traballo nos sectores dominados en gran medida por mulleres, como os coidados, a saúde e a venda comerciante polo miúdo, así como a erradicación da brecha de xénero nos salarios e as pensións e a segregación no mercado laboral; porque a igualdade efectiva pasa, necesariamente, pola independencia económica e porque as mulleres teñan a posibilidade de proxectarse no ámbito profesional”, subliña a secretaria provincial de igualdade”.
Zaida Rodríguez remata afirmando que “a igualdade no emprego é, por tanto, un fin en si mesma, pero tamén é o instrumente clave: o pleno goce dos dereitos e liberdades por parte das mulleres só pode construírse a través da igualdade e a independencia económica”.