A Deputación de Ourense a través do Inorde vén de lanzar un novo marchamo, “a través do cal expresamos a nosa vocación turística. Tras a marca “OU” atópase un territorio integrado po 92 concellos e as súas iniciais son suficientes para resolver unha necesidade gráfica. Con dúas letras pretendemos anclarnos na mente do visitante, porque sintetizan a nosa identidade, nunha provincia xenuina, capaz de conservar a súa autenticidade”, explicou Manuel Baltar. No acto de presentación, que tivo lugar hoxe no Castelo de Monterrei, tamén participou a xerente do Inorde, Emma González.
Ao acto asistiron medio cento de representantes institucionais e empresariais, “porque o obxectivo é que todo o sector se sinta representado baixo esta marca paraugas, e que o ámbito privado se una mediante a creación dunha Mesa do Turismo para abordar este momento crucial”, sinalou o presidente do goberno provincial.
“A marca turística de Ourense pivota sobre catro eixos que son os produtos cabeceira do territorio: natureza, patrimonio, enogastronomía e, por suposto, termalismo como ese gran factor diferencial”, salientou Baltar, quen lembrou a importante presenza de Ourense en institucionais internacionais como a Asociación Europea de Cidades con Patrimonio Termal Histórico e o Foro Termal do Eixo Atlántico. A estratexia e o branding son presentadas “nun momento clave, coa inmediata chegada da Alta Velocidade que metamorfoseará o sector turístico provincial e do noso rural, ao converternos máis ca nunca na porta de entrada a Galicia e situarnos a pouco máis de dúas horas da capital de España, un dos nosos mercados de proximidade máis importantes”.
A pasada semana as Enquisas de Ocupación Hoteleira publicadas polo INE fixaban para a provincia a cuarta mellor cifra da historia para un período estival, sumando ata 129.344 turistas nos catros meses de xuño a setembro, e o mellor agosto da historia con 4.379 viaxeiros. Pero se hai un dato que marcou o comportamento turístico, a diferencia do que sucede no resto de provincias galegas, é o incremento do número de pernoctas no turismo rural superando incluso as cifras prepandemia. “Esta pauta indícanos que o Turismo poder ser unha verdadeira panca de desenvolvemento socieconómico, e por tanto unha ferramenta que nos permita afrontar o reto demográfico”, explicou o presidente da Deputación de Ourense.
Manuel Baltar fixo un repaso pola riqueza patrimonial, natural, etnográfica e termal da provincia, e lembrou que este territorio conta con 72 Bens de Interese Cultural, 2 Camiños de Santiago oficialmente acreditados (Vía da Prata e Camiño de Inverno), 21 espazos naturais protexidos, 4 Rutas do Viño, xa que contamos con catro das cinco Denominacións de Orixe de Galicia, un Destino Starlight e 20 Festas de Interese Turístico Galego, 3 de Interese Turístico Nacional e unha delas Internacional coma é o Entroido de Xinzo; estando as portas deste recoñecemento tamén a “Festa do Pulpo” do Carballiño.
Este camiño que pasa pola sustentabilidade, a dixitalización, a especialización intelixente para lograr a transformación competitiva, “non podería darse sen a cooperación do sector privado”, sinalou Baltar, sector que está conformado por 873 aloxamentos turísticos, 39 empresas de actividades deportivas, e unha instalación náutica que se converterá nun gran referente coa futura instalación de remo para atraer competicións internacionais. Ourense conta con máis de 50 lugares idóneos para fixar a sede de turismo de reunións (MICE Tourism), anunciando a creación no 2022 da “Convention Bureau” provincial, integrada na Federación Española de Municipios e Provincias. Tamén rexistramos catro centros BTT impulsados por Turismo de Galicia, e 63 itinerarios de interese paisaxístico.
No apartado termal, factor diferencial da nosa gran provincia, “temos 7 balnearios cos que asinamos desde a Deputación de Ourense o convenio para reactivar o programa de Termalismo Social este outubro. Ademais, vimos de referendar por unanimidade da corporación o Plan de Sustentabilidade Turística, “Ourense Provincia Termal”, que suporá un investimento de 3,1 millóns de euros. Pero o fito que marcará un punto de inflexión será cando o Pazo Provincial se converta no grande hotel balneario de referencia en toda Europa”, afirmou Manuel Baltar.
Estratexia Turística
Pola súa parte, a xerente do Inorde explicou desde o punto de vista técnico a estratexia turística a seguir na provincia de Ourense e que se sostén ao redor de catro piares que están interrelacionados: sustentabilidade, dixitalización, intelixencia turística e transformación competitiva. Na folla de ruta da Deputación de Ourense e do Inorde “debemos lograr que esta transformación sexa sostible, e aínda máis coa chegada da Alta Velocidade ferroviaria que trae consigo uns retos nos que xa se leva tempo a traballar”, explicou Emma González.
As liñas do plan de acción principais son coherentes coa demanda social dun turismo sustentable e aliñado coa Axenda 20-30 das Nacións Unidas. Destacan, entre elas, un plan de mobilidade que garanta a redistribución de fluxos turísticos en todo o territorio e a captación de financiamento a través de liñas como os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino da man da Secretaría de Estado de Turismo e da Xunta de Galicia. Así mesmo, a xerente do Inorde lembrou que “ademais do Plan Termal 2022-24 xa aprobado, tamén se presentou este ano a candidatura ao Plan Nacional Xacobeo, cuxa resolución estaría prevista antes de finais de ano, e tendeu a man ás diferentes comarcas para presentar propostas ás vindeiras convocatorias especializadas en Enoturismo ou Cascos Históricos”.
No que atinxe á dixitalización, o plan estrela é o Plan Destino Turístico Intelixente, proxecto que lidera a Área de Transparencia e Goberno Aberto provincial cofinanciado por Red.es, para o que se destinan preto de 3 millóns de euros, e que incluirá unha plataforma smart, aplicacións para móbiles, unha guía con contidos interactivos, cámaras para monitorización de rutas e seguimento dos lugares máis visitados. “Este plan de dixitalización dotaranos de ferramentas para obter datos sobre o perfil e comportamento dos visitantes no territorio, e orientar así planificación de xeito estratéxico. Tamén nos permitirá ofrecer experiencias inmersivas, rutas dinámicas, e o apoio á comercialización dos produtos turísticos favorecendo esa especialización intelixente”, explicou a xerente do Inorde.
Respecto á transformación competitiva apostarase pola calidade ao adherise Ourense coma destino SICTED, para iniciar un Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, que facilitará a certificación das pequenas e medianas empresas con carácter totalmente gratuíto, aparellado á correspondente formación.
Con esta folla de ruta, “Ourense, a provincia xenuina” márcase como obxectivo afrontar o reto demográfico mediante o desenvolvemento dun turismo sustentable, destinado a atraer a nova tipoloxía de viaxeiro responsable, e que demanda produtos turísticos personalizados, innovadores e de calidade.