Ourense Cidade

Protección Civil inicia unha nova campaña de Nadal de recollida de alimentos e xoguetes

As persoas interesadas poden realizar achegas até o día 7 de xaneiro en máis de 100 puntos de recollida ou solicitar a retirada por teléfono. Os alimentos destinaranse ao Banco de Alimentos e os xoguetes a asociacións, parroquias, institucións e centros de maiores.

Óscar Gómez

Ourense | 29.11.2023 08:01

Protección Civil inicia unha nova campaña de Nadal de recollida de alimentos e xoguetes
Protección Civil inicia unha nova campaña de Nadal de recollida de alimentos e xoguetes | onda cero

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Ourense pon en marcha unha nova edición da Campaña de Nadal de recollida de xoguetes e alimentos. A agrupación ourensá convida un ano máis a cidadanía a que colabore nesta iniciativa, realizando as súas achegas de materiais ou colaborando co seu tempo a través do voluntariado. Até o día 8 de xaneiro, as persoas interesadas poderán entregar alimentos e xoguetes en máis de 100 puntos de recollida na cidade ou solicitar a súa retirada a través do teléfono 616908507.

A concelleira de Asuntos Sociais, Ana Fernández, e o coordinador da agrupación, Juan Carlos González, presentaron esta mañá a campaña, nun acto ao que tamén asistiron representantes das diferentes empresas e entidades colaboras, como o Banco de Alimentos, Viaqua, Ecourense, Centro Comercial Ponte Vella, Impresión, e numerosos supermercados e colexios da cidade, entre outras.

Ana Fernández agradeceu o traballo “tan importante” que desenvolve Protección Civil con esta “fantástica campaña”, e convidou a cidadanía de Ourense a que colabore na medida das súas posibilidades, achegando os seus alimentos e xoguetes: “que mellor forma de ensinar os nenos que dar é tan bonito como recibir!”, manifestou, ou colaborando como voluntarios.

Toda a comida destinarase ao Banco de Alimentos, que se encargará de facérllela chegar ás familias que a necesitan. Os xoguetes destinaranse a parroquias, asociacións, institucións e centros de maiores. A campaña recadou o ano pasado máis de dez toneladas de alimentos e miles de xoguetes, e márcase o obxectivo de superar estes resultados nesta nova edición, contando coa colaboración de particulares, empresas e institucións da cidade.