Ourense Cidade

Os primeiros autobuses urbanos eléctricos incorporaranse á frota da cidade

Ourense terá o primeiro autobús eléctrico que preste servizo nunha liña regular en Galicia. Concello e Avanza irán incorporando paulatinamente as novas unidades ao servizo municipal.

Óscar Gómez

Ourense | 06.02.2024 07:48

Os primeiros autobuses urbanos eléctricos incorporaranse á frota da cidade
Os primeiros autobuses urbanos eléctricos incorporaranse á frota da cidade | onda cero

O servizo municipal de transporte urbano da cidade de Ourense incorporará desde esta semana os seus primeiros autobuses urbanos eléctricos. Con eles, Ourense será a primeira cidade de Galicia que conte con autobuses eléctricos prestando servizo nunha liña regular de transporte urbano. As novas unidades incorporaranse paulatinamente ás liñas do servizo municipal.

Ao tratarse de autobuses eléctricos, estes vehículos emiten cero emisións contaminantes e ofrecen unha maior comodidade na rodadura, ao non dispoñer de caixa de cambios e ter unha marcha máis suave. Así mesmo, a recarga dos autobuses eléctricos é de orixe 100% renovable, e están fabricados con compoñentes máis lixeiros que fan posible a optimización das emisións e do consumo.

Grazas ao uso da enerxía eléctrica, o nivel de ruído é moi baixo, o que fai máis confortables as viaxes para as persoas usuarias do servizo e tamén para os peóns e as peoas, e axuda a reducir a contaminación acústica da cidade. Por outra parte, o deseño interior dos eléctricos implica unha mellor distribución dos espazos, gañando en comodidade e confort.

En canto á accesibilidade, os novos autobuses eléctricos son 100% accesibles para persoas con mobilidade reducida e contan con entradas e saídas especialmente baixas.

Con esta incorporación, o Concello de Ourense e Avanza, empresa concesionaria do servizo, apostan por un modelo de transporte limpo, fiable e intelixente que substitúa no futuro os vehículos que utilizan enerxías provenientes de hidrocarburos de orixe fósil por enerxías limpas, impulsando a colaboración público-privada na transición enerxética cara a tecnoloxías de vehículos cero emisións.