Quincena do viño en Celanova

Do 16 ó 30 de outubro

O Obradoiro de Emprego, “Calderetas. Da gastronomía dos abades ata os nosos días”, que se ven desenvolvendo actualmente en Celanova ata finais do mes de decembro celebrará unha actividade baixo a denominación de “Quincena do viño” entre os días 16 e 30 de outubro.

Onda Cero Ourense

Ourense | 07.10.2020 11:36 (Publicado 07.10.2020 11:31)

Quincena do Viño de Celanova
Quincena do Viño de Celanova | Obradoiro de emprego Calderetas

O Obradoiro de Emprego, “Calderetas. Da gastronomía dos abades ata os nosos días”, que se ven desenvolvendo actualmente en Celanova ata finais do mes de decembro e que está formando a 20 alumnos nos módulos de cociña e restauración, produto dun convenio de colaboración entre os concellos de A Bola, Celanova e Quintela de Leirado, celebrará unha actividade que baixo a denominación de “Quincena do viño”, contará coa participación de adegas de toda Galicia (amparadas baixo as Denominación de Orixe de Viños), así como con negocios de hostalería locais, ademais do persoal do devandito Obradoiro de Emprego.

A Iniciativa, que xorde como unha actividade de prácticas de organización de eventos para os alumnos de ámbolos dous módulos de cociña e restauración, celebrarase do 16 ao 30 de outubro e nela está confirmada a participación de 18 establecementos de hostalería, que acollerán a outras tantas Adegas, promocionando tanto os viños como os atractivos turísticos do territorio.

Da D.O. Monterrei participan 3 adegas, da D.O. Rías Baixas 4, D.O. Ribeira Sacra 2, da do Ribeiro 5, e 4 de Valdeorras.

Durante os quince días, os visitantes poderán realizar un percorrido de sensacións, aromas e sabores degustando distintos caldos, que serán maridados con pinchos deseñados, elaborados e servidos polo alumnado do Obradoiro de Emprego.

Por cada consumición que se realice, será entregada unha rifa para participar no sorteo de tres lotes de viños aportados polas adegas; sorteo que se realizará coincidindo cos tres primeiros premios da Lotería de Nadal.