O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo no acto de presentación que “é un día grande para Ourense, para a cultura e para o cinema”, un Ourense ao que cualificou como “berce e gran referencia do cine galego, como o constata a 26ª edición do OUFF neste 2021”. Foi o ano pasado cando Manuel Baltar acordou con Alfonso Blanco, co-produtor de Cuñados, “que os protagonistas do filme fosen Ourense, O Ribeiro, o COB, Lamatumbá e as nosas paraxes, unha historia que en dous días estrearase en Madrid a nivel nacional, que se exhibirá en 125 salas e que pode ser un dos grandes éxitos da tempada”, afirma Baltar.
O presidente do goberno provincial sinala que “foi unha aposta da Deputación o feito de non deixar morrer o Festival de Cine e converter a Ourense nun gran plató da produción audiovisual. Nos últimos tempos rodaron aquí Isabel Coixet, Elisa y Marcela; estreamos no OUFF Olvido y León, de Xavier Bermúdez, rodada en Ourense; tamén Luarada, de Óscar Doviso; series como El desorden que dejas o a próxima -tamén coa participación da Deputación- Hotel Valkiria, en colaboración coa Radiotelevisión portuguesa; este mesmo fin de semana, Cómplices estivo gravando o videoclip do seu tema Hombre lobo, seguindo unha senda que iniciamos tamén con Alejandro Sanz e o seu tema Zombie a la intemperie -que xa superan os 32 millóns de visualizacións-“, e completa esta suma de proxectos audiovisuais a película Live is life, dirixida por Dani de la Torre e rodada en Ourense, que se vai estrear este ano, engadindo que tamén se vai rodar integramente en Ourense o filme Malencolía, dirixido por Alfonso Zarauza.
Baltar remarca que este é “un Ourense protagonista, con denominación de orixe audiovisual, que rende homenaxe a esa longa traxectoria de vencellos coa sétima arte desta provincia”, e no que atinxe a Cuñados pídelle a Alfonso Blanco, co-produtor do filme, “que siga nesa senda, que pode ter lugar unha segunda parte tamén rodada en Ourense, porque temos moitísimas cousas que ofrecer: o noso patrimonio, a nosa paisaxe, lugares fermosos como a estación de montaña de Manzaneda, e ese mar termal, en definitiva, un Ourense que puxa forte. Agardamos que Cuñados sexa un dos éxitos da tempada, que vai a ter unha gran difusión, e a Deputación seguirá neste camiño de apoio ao noso territorio”.
Equipo da película
O primeiro pase de Cuñados contou coa presenza de todo equipo da película, entre eles o director xeral de Portocabo, Alfonso Blanco; o director da cinta, Toño López; os actores principais, Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey, xunto coas actrices Eva Fernández, Iolanda Muíños, e María Vázquez. A Deputación de Ourense colabora neste proxecto cinematográfico xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), RTVE, Televisión de Galicia e a denominación de orixe Ribeiro.
Cuñados ten como escenario a cidade de Ourense e diversos lugares da provincia, ofrecendo ao equipo de rodaxe localizacións ideais para un traballo no que conviven o rural e o urbano, o moderno e o tradicional, ademais da súa gran vida social e cultural. Con este traballo, realizado integramente en galego, Portocabo escolleu de novo Ourense como plató para as súas producións, como así fixo coa serie Vidago Palace emitida na TVG, na RTP e na plataforma HBO.
Baixo a dirección de Toño López, que da o salto á gran pantalla, e a produción executiva de Alfonso Portocabo, Cuñados parte do guión de Araceli Gonda (Hierro; 18 comidas) e conta no seu equipo técnico con Jaime Pérez (Olvido y León; Hierro) na dirección de fotografía; Lu Rodríguez (El desorden que dejas) na montaxe; Santi Jul e Iván Laxe (18 comidas; Matalobos) na música orixinal, e Andrea Pozo (María y los demás; Auga Seca) na dirección artística.
Esta comedia galega narra as peripecias de Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán), que acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan moito diñeiro. Sabonis atopa a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Pero Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen pensa un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar, pero como diría Sabonis, “malo será”.