O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, anunciou a licitación das obras de substitución de carpinterías, reforma e substitución de cubertas de vestiarios e substitución do grupo térmico no pavillón polideportivo, nas que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ten previsto investir máis de 471.000 euros.
O delegado territorial abordou con membros da directiva os detalles do proxecto, que se centra na substitución da carpintería exterior de aceiro por outra de similares características, con vidro laminar de seguridade 5+5. Os panos superiores practicables dotaranse con motor de peche, e nos panos inferiores abatibles colocaranse compases de aceiro limitadores da apertura.
Tamén se levará a cabo a substitución do grupo térmico actual por outro de similares características; a substitución das cubertas e a reforma interior dos vestiarios recuperando os acabados iniciais.
Gabriel Alén salientou que promover unhas infraestruturas máis sostibles desde o punto de vista medioambiental é un dos criterios marcados no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que aposta por uns colexios e institutos mellor acondicionados e máis confortables para o alumnado e o profesorado.
O delegado territorial lembrou as recentes obras de instalación dun ascensor no Centro Residencial Docente de Ourense situado a carón do IES Universidade Laboral, nas que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades investiu 116.461 euros e que sirve para comunicar todas as plantas do centro residencial co exterior.