O Diario Oficial de Galicia publica a nova convocatoria de programas de emprego para mozas e mozos desempregados incluídos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Dotada cun orzamento de 6,4 millóns de euros, diríxese ás entidades locais para que desenvolvan as accións.
A convocatoria destínase, así, a concellos de Galicia, mancomunidades e a entidades públicas dependentes ou vinculadas a estes, como promotores destes obradoiros que se orientan a persoas desempregados con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. No marco da presente orde prevé a celebración duns 15 ou 16 obradoiros de ámbito municipal para unhas 243 persoas en 2023 e 2024.
Estes obradoiros xuvenís avogan por mellorar a empregabilidade das persoas participantes para facilitar a súa inserción no mercado laboral. Combinan a formación coa realización dun traballo efectivo durante un período de 12 meses durante o que as persoas beneficiarias acceden a un contrato e un salario.
Entre os criterios de valoración, aténdese a que o proxecto conteña actividades relacionadas co fomento das TIC e a economía dixital, que as entidades promotoras ostenten a condición de Concello Emprendedor ou presenten o proxecto mediante asociación de concellos, resultantes de fusión.
Con estas axudas, enmarcadas dentro do Programa Operativo FSE+ Galicia 2021-2027, impartirase formación con certificado de profesionalidade e se ofrecerá ao alumnado un contrato de traballo de formación e aprendizaxe durante os 12 meses.
A través destes programas, ademais de mellorarse a ocupabilidade das persoas mozas, se facilita a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade.
Ao remate das accións, o Goberno galego prevé incentivos á contratación do alumnado en empresas da contorna unha vez remate a formación. Neste caso as subvencións supoñen dar cobertura aos custos laborais derivados da contratación indefinida por conta allea durante polo menos 6 meses para destinos relacionados cos contidos do programa.
Estes obradoiros xuvenís, que a Xunta de Galicia convoca por oitavo ano consecutivo, suporán un investimento global de 6.458.334 euros en dous anos: 3.229.167 millóns para 2023 e a mesma contía para 2024. O prazo de solicitude para as entidades interesadas abrangue un mes, polo que as peticións poderán formalizarse ata o próximo 24 de maio.