Ourense Provincia

Mellora do abastecemento de auga aos veciños de Muiños

O obxectivo é dar solución aos problemas existentes para garantir a auga potable en situacións de escaseza de auga e de seca.

Óscar Gómez

Ourense | 11.04.2023 08:10

Mellora do abastecemento de auga aos veciños de Muiños
Mellora do abastecemento de auga aos veciños de Muiños | onda cero

Ethel Vázquez, asinou co alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, un convenio de colaboración para a mellora do abastecemento de auga no municipio cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros. Tal e como recolle o texto do convenio rubricado hoxe na Casa do Concello de Muíños, a Xunta, a través de Augas de Galicia, achega apoio técnico e asesoramento á administración local na execución dos traballos, ademais de asumir integramente o financiamento das intervencións.

Pola súa banda, o Concello é o encargado das obras de mellora do abastecemento, que incorpora ao patrimonio público municipal, asumindo a súa xestión e mantemento. O obxectivo do convenio é mellorar o abastecemento de auga a domicilio aos veciños e dar solución aos problemas de subministro derivados de situacións de escaseza e de seca.

Vázquez Mourelle referiuse ao episodio vivido o pasado ano, no que os caudais dos depósitos de auga chegaron a acadar niveis realmente baixos, e a falta de recurso obrigou mesmo a ter que facer cortes no subministro. Concretou que as intervencións recollidas neste convenio buscan, precisamente, evitar estas situacións e contribuír a ofrecer garantías de subministro, en cantidade e calidade.

Esta colaboración da Xunta co Concello de Muíños enmárcase no obxectivo de garantir a prestación duns servizos municipais da auga máis eficaces a través da cooperación entre administracións en beneficio do interese xeral dos cidadáns.