O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe o XXXII Campionato de España de Atletismo Máster que terá lugar na pista cuberta de Expourense os 26, 27 e 28 de novembro de 2021. Na súa intervención, Lete Lasa destacou o evento como o "broche de ouro" para un 2021 no que a Federación Galega de Atletismo cumpre cen anos e no que o atletismo galego acadou en Toquio a súa primeira medalla olímpica, o bronce en triplo salto de Ana Peleteiro.
O secretario xeral destacou que o deporte galego, ademais da elite e da base, "tamén é a actividade competitiva daqueles deportistas que xa non están na súa plenitude física, pero que seguen sendo exemplo e modelo a seguir para os máis mozos por representar valores tan importantes como constancia, traballo ou superación".
Neste sentido, Lete Lasa sinalou que a celebración do Máster de Atletismo en Ourense é "unha garantía de éxito". Por unha banda, destacou a calidade dos atletas galegos que no Campionato de España Máster en Pista Cuberta de 2020 acadaron 17 medallas de ouro e no Campionato ao AIre LIbre de 2021, 11. Pola outra, resaltou a calidade da pista de Expourense como "a mellor de España" na que a Xunta xa investiu un total de 4,3 millóns de euros e da que se vén de autorizar a segunda addenda do convenio para o seu mantemento, conservación e funcionamento para 2022 por 100.000 euros. Por todo isto, a pista xa acolleu catro campionatos de España en catro anos de vida da pista: o sub 20 en 2018, o Máster de 2019, o Absoluto de 2020 e agora, de novo, o Máster de 2021, ademais dunha trintena de campionatos galegos de distintas categorías.
O secretario xeral destacou tamén a aposta decidida da Xunta de Galicia polas instalacións ourensás engadindo a remodelación do Estadio do Couto (2,6 millóns de euros), a reforma integral do Pavillón dos Remedios (2 millóns de euros) e a renovación do complexo deportivo de Monterrei (10 millóns de euros cofinanciados ao 50% coa Deputación de Ourense); así como a aposta polas instalacións de atletismo entre a que destacou o módulo cuberto do IFEVI en Vigo, cuxa construción será licitada nos vindeiros días.