Festival de cine

Manuel Baltar celebra o balance do OUFF

Manuel Baltar remarcou a calidade da programación e a resposta do público: “As cifras e as impresións sinalan unha realidade, o OUFF é o Festival de Cine de Galicia e o gran punto de encontro para o noso audiovisual”

Óscar Gómez

Ourense | 05.10.2022 08:01

Manuel Baltar celebra o balance do OUFF
Manuel Baltar celebra o balance do OUFF | onda cero

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, fixo balance da XXVII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, celebrada entre o 23 de setembro e o 1 de outubro. “A edición máis ourensá do festival foi, sen dúbida, a mellor da súa historia”, remarcou o titular do goberno provincial. Manuel Baltar destacou na súa comparecencia, celebrada no Pazo Provincial, o “éxito rotundo do Festival Internacional de Cine de Ourense, que executou o 100% da programación, proxectando 87 películas e curtametraxes procedentes de 26 países repartidas en 107 proxeccións”.

O presidente da Deputación celebrou a resposta do público, que situou a cifra de asistencia ás proxeccións na mellor do festival nos últimos anos: 9.087 espectadores. Isto tradúcese, en que cada día participaron de media 1.000 persoas nas proxeccións que se ofertaban en cinco salas da cidade -Cines Ponte Vella, Teatro Principal e Cineclube Padre Feijoo-. Alén disto, celebráronse outras actividades paralelas que contaron tamén con moita asistencia: concertos exposicións, o Festival Ourense pola Paz ou roteiros de cine pola provincia.

Manuel Baltar quixo destacar, ademais da alta asistencia ás proxeccións, a “gran implicación dos espectadores nas votacións, cun 85% dos asistentes exercendo o voto do público”. Isto tradúcese na calidade da Sección Oficial, que esgotou as entradas en numerosas ocasións e na cal, oito das súas doce películas estiveron puntuadas por encima dun 4 polos asistentes, sendo o máximo posible un 5.

“As cifras e as impresións sinalan unha realidade: OUFF é o Festival de Cine de Galicia e o gran punto de encontro para o audiovisual galego”, valorou o presidente da Deputación, que recoñeceu o “excepcional traballo” de todo o equipo organizador dun festival que é “un dos piares básicos da aposta do goberno provincial por este sector, e que seguirá crecendo grazas a ferramentas da potencia da Ourense Film Commission”. Neste sentido, a “edición máis ourensá do OUFF” contou con estreo e peche protagonizado por películas rodadas en Ourense co patrocinio da Deputación -“O home e o can” e “La manzana de oro”-, ademais de sumar na sección competitiva a “O corpo aberto” e “O Tirabeque”, avanzar fragmentos de “13 exorcismos”, “Amigos hasta la muerte” e “Honeymoon” e asistir ao preestreo do primeiro capítulo de “Motel Valquiria”. Todas producións gravadas en Ourense co apoio da Deputación.

Balance do Festival de cine
Balance do Festival de cine | onda cero

O OUFF 2023 contará cunha sección competitiva de cinema galego

Miguel Anxo Fernández, director do festival, aproveitou a súa intervención para agradecerlle á sociedade que “estivese de cara ao festival”, porque “un festival sen espectadores non é un festival”. O director do OUFF adiantou tamén algunha das novidades da próxima edición, que se celebrará entre o 22 de setembro e o 1 de outubro do 2023: a creación dunha sección competitiva de cinema galego e o nome da persoa encargada de deseñar a imaxe para a próxima edición. Será o artista urbano Mon Devane, internacionalmente recoñecido, e que emprega o spray como principal ferramenta artística.

Ourense, punto de encontro do sector audiovisual

A cidade de Ourense, e en concreto o OUFF, son lugar de encontro, debate e negocio para o sector audiovisual. Nestes días, ademais de múltiples reunións de traballo, tivo lugar o I Encontro Estatal da Plataforma Audiovisual de Produtoras -que contou coa participación de Chus Serradilla (AECINE), María Luisa Gutiérrez (AECINE), Ignacio Rotaeche (PIAF), Felipe Lage Coro (MAPA), Montserrat Bou (PROA), Carlos Juárez (MAPA), Antonio Mansillla (PIAF), Uxía Caride (MAPA) e Gaizka Urresti (MAPA)-, e tamén se presentou a Ourense Film Commission na compañía do presidente da Spain Film Commission, de outras do resto de España e tamén de Portugal.

A formación é un punto clave tamén nas actividades paralelas do Festival de Cine de Ourense: nos pasados días impartíronse dúas clases maxistrais con profesionais de primeiro nivel como son o deseñador de son Carlos Faruolo e o cineasta Jaime Chávarri, que recolleu a súa Calpurnia de Honra cun auditorio co público en pé. Completaron a proposta formativas actividades como Fas Muvis, que fomenta a creación entre a mocidade e o estudantado universitario, ou o OUFF Escola, pensado para un público máis cativo.