Ourense Cidade

Máis dun milleiro de rapaces celebran este mércores o 'Correlingua'

Alumnado de 15 centros da provincia -oito deles, da propia cidade- participan dun encontro no Auditorio e despois realizarán unha 'camiñada' até a Praza Maior, onde haberá xogos populares.

Óscar Gómez

Ourense | 09.05.2023 10:52

Máis dun milleiro de rapaces celebran este mércores o 'Correlingua'
Máis dun milleiro de rapaces celebran este mércores o 'Correlingua' | onda cero

A cidade de Ourense acolle unha das paradas do Correlingua 2023, unha xornada reivindicativa da lingua galega que este ano congregará 1.315 alumnos e alumnas de diferentes centros escolares da provincia de Ourense, oito deles da nosa cidade. O Concello colabora coa organización deste evento, metade festivo metade reivindicativo, que culminará cunha camiñada desde o Auditorio até a Praza Maior.

Os primeiros alumnos, de Ensino Infantil e Primario, chegarán ás 10.00 horas ao Auditorio, onde serán recibidos pola actriz Isabel Risco. Logo da lectura do manifesto a cargo do CPR C. Cisneros, haberá unha actuación do alumnado do CEIP O Couto -interpretarán dúas cantigas, Querémoste Galicia e Galicia, que levarán tamén á 2ª edición do Couto Fest- e unha actuación do grupo de animación A Run Run. Posteriormente, a iso das 11.40 horas, iniciarán un percorrido polas rúas do centro histórico camiño da Praza Maior, onde está organizado un concurso de pancartas e xogos populares, coa colaboración da Asociación Xuvenil Amencer.

A segunda quenda, a de Ensino Secundario, iniciará o camiño inverso a partir das 11:40 horas. Desta vez corresponderalle ao CPR Concepción Arenal a lectura do manifesto, e as actuacións correrán a cargo do IES O Couto -cunha actuación de break-dance a cargo de Mini-Ali-. Pechará o acto o grupo gañador do Cantalingua, Cuarta Xusta.