O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome valora a opción de poñer en valor e remodelar as instalacións do Museo Municipal, cuxas exposicións se trasladaron con éxito á Sala Valente, para poñer en marcha un Museo do Viño, que contribúa á dinamización do centro histórico da cidade, dotando dun novo atractivo á zona dos Viños.
Explica o alcalde que a actividade expositiva do Concello seguirá desenvolvéndose na Sala Valente, na rúa do Paseo, onde están a acadar un grande éxito de público. Así, o edificio da rúa Lepanto se remodelaría para acoller “unha grande exposición que inclúa as catro denominacións de orixe que existen na provincia de Ourense, nun magnífico emprazamento”. Explica Gonzalo Jácome que “somos coñecedores de que hai un museo do Viño en Ribadavia, pero entendemos que o de Ourense tería un éxito tremendo. O noso sería un museo distinto, cunha ubicación mellor”.
“O Museo do Viño estaría nos Viños”, explica o alcalde, que considera que o edificio da rúa Lepanto é “idóneo” e sería un atractivo máis para o casco vello, que podería contribuír dun xeito moi importante á dinamización desta zona da cidade. O alcalde valora a posibilidade que o futuro museo se xestione a través dunha concesión.