Concello de Ourense

Jacome tilda de acto de "mala fe" a ausencia de Rafa Villarino

Gonzalo Pérez Jácome criticou que o voceiro do grupo do PsdeG-PSOE no Concello non asistise á xuntanza convocada polo rexedor para tratar de futuras modificacións de crédito

Óscar Gómez

Ourense | 02.09.2021 07:57

Perez Jacome alcalde de Ourense
Perez Jacome alcalde de Ourense | La Región

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome criticou que o voceiro do grupo do PsdeG-PSOE no Concello non asistise á xuntanza convocada polo rexedor para tratar de futuras modificacións de crédito, o anuncio do grupo municipal do PSdG-PSOE de frear a modificación 2P/2021 e subvencións supramunicipais. “Creo que é algo insólito o que vivimos hoxe na terceira cidade de Galicia”, asegurou o alcalde quen apenas 10 minutos antes da hora da xuntanza recibiu unha carta do voceiro socialista na que lle comunicaba que non ía asistir.

Pérez Jácome considera que este é “un acto de mala educación e de mala fe”, do voceiro socialista e do seu partido, ao entender que “xa tiñan pensado” non acudir á reunión e “esperaron até o último segundo” para comunicalo. A este respecto, dixo o rexedor, “convocamos a unha reunión ao líder da oposición e el dí que non procede, así que nos preguntamos se realmente esta persoa é lider da oposición ou se é que está actuando xa como o cadáver político que é. O señor Villarino está actuando como un non niguén na política municipal”, asegura Jácome

O alcalde considera “totalmente desatinado” que o socialista dixese que a esta reunión se debería convocar a todos os portavoces dos grupos municipais. “É algo insólito. Imaxínense que calqueira alcalde ou presidente de goberno convoca o líder de la posición e este lle dí que non vai se non van todos os demais partidos políticos”, dixo o rexedor, quen incidiu en que “os alcaldes socialistas están falando cos líderes da oposición en toda España”. Subliña o alcalde que “vivimos nun xogo de maiorías ... practicamente nada se consegue co 100% dos votos. Consíguese con máis de 50% dos votos”.

A tenor do escrito que lle remitiu o líder do grupo socialista, dí o alcalde que Rodríguez Villarino “non me recoñece como alcalde de Ourense, cre que non estou lexitimado a ter unha reunión con el. O líder da oposición ao alcalde! É algo que é impresionante”.

O PSOE REXEITA ASISTIR A UNHA REUNIÓN “A SOAS” CON JÁCOME

O PSdeG-PSOE vén de presentar un escrito no que declina o convite do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a asistir a unha reunión “a soas” para tratar asuntos de gran relevancia para a cidade como son a “macromodificación” de crédito de 62 millóns de euros ou un paquete de subvencións supramunicipais e nominativas, e condena os “impresentables comentarios, mofas e insultos” vertidos por Jácome nas súas redes sociais, “burlándose da veciñanza ou desprazando os traballadores e traballadoras públicos”.

“Somos un partido demócrata que cremos que estes asuntos hai que tratalos no ámbito da xunta de voceiros, e que non quere arranxar as cousas pola porta de atrás” subliñou esta mañá ante a casa consistorial Rafa Villarino, voceiro municipal do grupo socialista no Concello, quen manifestou ademais que “sería unha falta de respecto pola nosa parte manter unha reunión cunha persoa que non respecta a cidadanía e fai uso da súa figura de alcalde para responder de xeito totalmente impropio a quen o interpela”.

Na misiva enviada a Jácome, os socialistas destacan que “os representantes públicos debémonos aos veciños e veciñas de Ourense, que deben ser tratados con respecto, dignidade e educación” polo que non consideran admisible que “o máximo representante público da terceira cidade de Galicia proceda deste xeito, en ningún caso e baixo ningunha escusa” e emprazan ao rexedor a mudar a súa actitude e “convocar, o máis axiña posible, unha reunión da xunta de voceiros”.