O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome felicitou esta mañá a cidade da Coruña por ser elixida polo goberno central como sede da Axencia Estatal da Supervisión de Intelixencia Artificial, nunha convocatoria á que tamén optaba a cidade de Ourense. “Como alcalde da terceira cidade de Galicia teño que darlles os parabéns. Prefiro que veña á Coruña que a outra cidade que non estea en Galicia”, manifestou o rexedor. Porén, afirmou, “ sempre nos quedará a dúbida de que pasaría se a Xunta de Galicia tivese apostado por Ourense, e non pola Coruña, como fixo”.
Entende Pérez Jácome que o goberno autonómico fixo unha “clara discriminación ao apostar pola Coruña, unha cidade rica, non discriminada como Ourense”, polo que considera que a administración autonómica “non seguiu a filosofía desta convocatoria, que era descentralizar organismos e levalos a zonas con despoboamento. Ourense _explica_ cumpría iso, así como todos os requisitos técnicos. A Xunta apostou pola Coruña, foi unha discriminación e fíxonos dano”, concluíu.
O rexedor tamén realizou unha crítica ao goberno de España “xa que as sedes das axencias de Intelixencia Artificial e Espacial (A Coruña e Sevilla), van a cidades onde hai alcaldes socialistas. Aí hai un nesgo político que non ten que ver co reparto administrativo máis lóxico e idóneo”