Ourense Provincia

Infesta será epicentro dun proxecto europeo para a xestión sostible do territorio

José González salientou a colaboración entre Galicia e Portugal, que tamén participa nesta iniciativa, na loita contra os incendios forestais e no desenvolvemento de estratexias de acción para o futuro.

Óscar Gómez

Ourense | 18.12.2023 08:16

Infesta será epicentro dun proxecto europeo para a xestión sostible do territorio
Infesta será epicentro dun proxecto europeo para a xestión sostible do territorio | onda cero

O conselleiro do Medio Rural, José González, clausurou no Castelo de Monterrei, emprazado neste concello ourensán, a xornada de lanzamento do proxecto europeo “Paisactivo” liderado pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e que terá o seu epicentro galego na aldea modelo de Infesta, en Monterrei.

Este programa operativo de cooperación transfronteiriza (POCTEP) entre España e Portugal, e que terá outro eixo no municipio portugués de Baiâo, conta como beneficiarios asociados ao goberno portugués, ao Concello de Monterrei, á Comunidade Intermunicipal Tâmega e Sousa, á Câmara Municipal de Baiâo, á Universidade de Santiago de Compostela, á Facultade de Letras da Universidade do Porto e á Fundación Juana de Vega.

Neste acto, José González estivo acompañado, entre outros, pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén ou o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, que interveu ao comezo do acto xunto ao presidente da Câmara Municipal de Baiâo, Paulo Pereira.

Na súa intervención de peche, o conselleiro do Medio Rural destacou a unión de Galicia e Portugal para loitar contra as consecuencias dun inimigo común, os incendios forestais. Esta situación, sinalou, ten permitido a colaboración entre ambos territorios para desenvolver estratexias de acción

para o futuro máis próximo, sendo un exemplo desa cooperación a base aérea transfronteiriza de Verín-Oímbra.

Seguindo esta liña, o conselleiro destacou que “Paisactivo. Paisaxes cortalumes: activación do espazo rural para un territorio resiliente” contará cun orzamento de máis de 1,5 millóns de euros ata 2026, e está cofinanciado polo POCTEP con fondos conseguidos especificamente para este proxecto do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). “Paisactivo” ten o obxectivo de reducir a vulnerabilidade do territorio ante o risco de incendios mediante a posta en valor e mellora da xestión sostible dos terreos agroforestais, ao mesmo tempo que protexe e dinamiza os asentamentos rurais.

Este proxecto tamén permitirá a posta dunha caldeira de biomasa e rede de calor na aldea modelo de Infesta, situada no concello de Monterrei. Este requirimento casa con aqueles que permiten facer das aldeas modelo galegas unhas smart villages -concepto europeo das aldeas intelixentes-.

Entre as metas que se buscan acadar con este proxecto atópanse a mellora e a innovación dos instrumentos para a xestión activa do espazo rural, a partir do co-aprendizaxe e o intercambio de ideas no Ecosistema Transfronteirizo; fomentar a implantación e desenvolvemento de Proxectos Territoriais Modelo, con actuacións integrais de dinamización a escala paisaxe, na que se inclúan as aldeas e o seu entorno e tamén cos diferentes axentes e dimensións produtivas, sociais e ambientais; ademais de asegurar a difusión espacial e temporal -así como a cooperación futura-, destes novos modelos, impulsando a colaboración en rede e a integración das novas xeracións.

Proxecto “Aldealix”

Na súa intervención, o titular do Medio Rural tamén resaltou outro proxecto que conta con financiamento por parte da Unión Europea a partir das aldeas modelo, “Aldealix”, que se materializará na de Infesta e na de Parada-Mouteira, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, para impulsar comunidades enerxéticas baseadas en biomasa no territorio rural, como unha alternativa viable para producir enerxía de proximidade a partir do aproveitamento dos recursos dos montes da contorna.

“Aldealix”, presentado este mércores cunha achega de case dous millóns por parte do Feder, desenvolverá comunidades enerxéticas con redes de calor alimentadas por biomasa e complementadas con enerxía fotovoltaica, cun orzamento de arredor de 700.000 euros para as dúas aldeas modelo vencelladas ao proxecto.

O foco destas comunidades será o abastecemento de necesidades térmicas de vivendas e edificios públicos, contribuíndo á transición enerxética mediante o fomento das enerxías renovables á vez que se promove o emprego local vinculado á biomasa local forestal.

Lei de recuperación da terra agraria

O conselleiro puxo en valor as ferramentas recollidas na Lei de recuperación de terra agraria de Galicia. Os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo, lembrou, permitiron a mobilización de arredor de 10.000 hectáreas de superficie en toda a comunidade dende a súa aprobación no 2021. Ademais, sinalou que, xunto coas concentración parcelarias, son 35.000 as hectáreas postas en valor en toda Galicia nos últimos catro anos.

O conselleiro aproveitou para resaltar que este corpo lexislativo se fixo coa idea de que se trataba “dunha caixa de ferramentas para atallar problemas da propia idiosincrasia galega e resultou ser unha chave maestra”.

Actuacións para o 2024

Na clausura desta xornada, o conselleiro explicou que no 2024 remataranse os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo -21 en Galicia-, o que permitirá completar o desenvolvemento da actividade agrogandeira na súa totalidade. Ademais, continuarase cos pilotos dos plans dinamización de catro delas e poranse en marcha os primeiros Espazos Agrarios de Experimentación de Galicia, no que as persoas emprendedoras poderán facer uso das instalacións e probar as súas ideas de negocio con garantías.

Por outra banda, o conselleiro falou dos polígonos agroforestais, dos que en 2024 se comezarán a licitar os primeiros -Oímbra e Cualedro-. Ademais, recalcou que se traballará para que a súa posta en marcha non exceda os tres anos dende que se decreten. No tocante ao resto das ferramentas recollidas na Lei de recuperación, sinalou que se porán en marcha as primeiras agrupacións de xestión conxunta, fundamentalmente ligadas ao sector forestal, e se seguirá traballando coas permutas de especial interese agrario.

O obxectivo final, destacou, é recuperar a terra, mellorar a estrutura territorial da comunidade e favorecer a rendibilidade das explotacións, implicando sempre a planificación preventiva.