Gabriel Alén subliñou que a meta deste tipo de actuacións é mellorar os equipamentos e dotacións dos pobos e vilas do rural co fin de proporcionar unha oferta de servizos axeitada ás necesidades da veciñanza e incrementar o atractivo dos núcleos rurais galegos.
O delegado territorial da Xunta en Ourense tamén explicou que esta liña de subvencións, impulsada polo Goberno galego, procura humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para iso as infraestruturas e os servizos e mellorando o benestar da súa poboación.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda trata, no marco do Plan Hurbe, de dar resposta á necesidade de humanización das vilas e de incrementar o atractivo dos núcleos rurais como factor determinante do equilibrio territorial. O conxunto de vilas dispersas pola nosa xeografía articulan e centralizan a vida económica, social e cultural do territorio que se atopa baixo a súa área de influencia. Constitúen verdadeiros motores de dinamización social e económica ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que achegan o modelo urbano a todo o territorio.
As actuacións están suxeitas ás recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan estratéxico da paisaxe galega que dirixe a acción neste eido ata o ano 2024.
Cómpre subliñar que esta orde de subvencións se enmarca na aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por manter liñas de colaboración directa cos concellos para facilitarlles a execución de proxectos en materia urbanística.
Antecedentes e obras executadas
O núcleo de Laias posuía un pavimento en formigón deteriorado con múltiples cortes e reposicións. Trátase dunha praza de aproximadamente 190 metros cadrados que serve de encontro de catro camiños. O ancho da sección é variable e irregular, e conta con dous sumidoiros: un que recolle as augas da fonte existente na zona norte da praza e outro na zona sur para evitar as escorrentías superficiais cara o resto do núcleo.
Ao inicio das obras procedeuse á demolición de todos aqueles pavimentos que permitiran xerar o espazo necesario para o novo firme. A continuación, levouse a cabo a escavación do terreo para alcanzar a cota de estendido de saburra, a apertura, o refino e o planeo da caixa do pavimento e o corte de pavimento asfáltico, incluíndo tamén a carga e o transporte destes materiais.
Posteriormente, executouse o estendido e compactado de 20 centímetros de espesor de saburra artificial e a aplicación de pavimento de formigón cepillado, de 15 centímetros de espesor e reforzado con mallazo. Tamén se instalou lastra morena abullardada nos sobreanchos da praza, das rúas adxacentes e no perímetro exterior das mesmas, executado sobre base de formigón de 10 centímetros de espesor e soleira de cemento de catro centímetros de grosor.
Para recoller as augas da praza e evitar que circulasen pola superficie cara o resto do núcleo, colocouse unha quenlla prefabricada de 240x200 milímetros no ancho da rúa suroeste. Tamén se repuxo o sumidoiro existente que recolle as augas sobrantes da fonte.
A obra rematou coa instalación de mobiliario urbano, que consiste na colocación de bancos e cobrecontedores con estrutura de aceiro e forrado perimetral en madeira.