Concello de Ourense

Futura irmandade entre Ourense e Santa Rosa del Cabal, Colombia

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu o seu homólogo Rodrigo Toro, nun encontro moi cordial no que anunciaron a futura irmandade entre as dúas localidades. O rexedor ourensán anunciou un futuro convenio coa hostalaría local para que poidan aprender todos os segredos do mellor café do mundo.

Óscar Gómez

Ourense | 17.09.2021 08:05

Futura irmandade entre Ourense e Santa Rosa del Cabal, Colombia
Futura irmandade entre Ourense e Santa Rosa del Cabal, Colombia | onda cero

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá o seu colega Rodrigo Toro, alcalde de Santa Rosa del Cabal, unha localidade colombiana de 110.000 habitantes no departamento de Risaralda. Ambos dirixentes acordaron un principio de irmandade, polas características comúns das dúas cidades, que se concretará no estudo das diferentes aplicacións do termalismo e na promoción dos viños ourensáns no país centroamericano e na do café colombiano en Ourense.

E é que Santa Rosa del Cabal é posuidora da “mellor cunca de café do mundo” -está emprazada nunha rexión denominada O eixo do café-, un recoñecemento á boa elaboración da súa materia prima. Entre os produtos que se comercializan na localidade colombiana destaca 'Mi Terruño', elaborado pola asociación Ammucamp de mulleres labregas en situación de vulnerabilidade social, e do que Rodrigo Toro lle entregou unha mostra ao alcalde ourensán.

Pérez Jácome, que sempre salientou as excelencias do café ourensán, anunciou ao remate da reunión que preparará un convenio coa hostalaría local para que lles permita coñecer todos os segredos do mellor café do mundo. Así mesmo, estudarse a diferentes aplicacións das augas termais nas dúas cidades: máis enfocadas ao lecer do sector turístico e hoteleiro en Santa Rosa del Cabal, e cara á saúde en Ourense.

O seu homólogo colombiano, pola súa banda, declarou sentirse moi honrado de poder darlles promoción aos viños ourensáns, dos que escoitou grandes referencias, na súa zona.