Congreso PP

Feijóo pide un cambio de rumbo ao Goberno centraL

Apunta que un ourensán non debe recibir peores servizos que un catalán e lembra que non se pode gobernar a base de chantaxes.

Óscar Gómez

Ourense | 27.09.2021 08:06

Feijóo pide un cambio de rumbo ao Goberno centraL
Feijóo pide un cambio de rumbo ao Goberno centraL | onda cero

O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, afirmou no Congreso provincial do PP de Ourense que o Executivo central ten que corrixir o rumbo e situar a España por riba de todo, pois o presidente do Goberno non pode depender máis que de todos os españois.

Sobre isto, explicou que non se debe permitir que un ourensán reciba peores servizos que un catalán, resaltando que os intereses xerais non se poden pactar entre dous. Nese senso, afeou que, por culpa desta forma de gobernar, agora en Cataluña caduquen as vacinas contra a COVID-19 mentres Comunidades como Galicia esgotan o seu stock ou se estean repartindo os Fondos Next Generation de maneira arbitraria e sen criterio.

Pola contra, puxo en valor que o obxectivo dos populares é gañar para servir con responsabilidade aos cidadáns desde as institucións, xa que non se pode gobernar a golpe de titulares nin a base de chantaxes. Así, a diferenza do PSdeG e do BNG, que só atenden ao que diga Sánchez ou ERC, destacou que o PPdeG é o único que defenderá o que merece Galicia.

Más polo miúdo, explicou que, no que respecta ao financiamento autonómico, o seu partido continuará loitando para que se teña en conta a nosa estrutura de poboación e o custe da prestación dos servizos.

UN PROCESO EXEMPLAR

Durante a clausura do conclave no que foi proclamado presidente provincial Manuel Baltar, Feijóo remarcou que os populares pechan un proceso exemplar e que, trala celebración dos congresos, o partido é máis aberto e está máis forte e mellor preparado.

Igualmente, sostivo que os políticos non deben ser noticia polas súas palabras, senón polos seus feitos, do mesmo xeito que unha formación só ten que ser acompañante, pois a única protagonista é a xente. Por este motivo, subliñou que un congreso é unha ferramenta única para facer reflexionar ao partido sobre como ser útil á sociedade, aclarando que, cando se usa como escusa para airear as leas dos organizacións, para criticar a un compañeiro ou para alimentar tensións internas, non se fai ningún servizo á cidadanía.

Segundo expuxo, a única tensión interna que se pode permitir o PP é a das ganas de gañar, a de esixirse máis a si mesmos e a de remar todos na mesma dirección. Ademais, amosouse moi orgulloso de que a súa organización se centre en Galicia e deixe os conclaves dos “codazos, das zancadillas e das críticas internas” ao PSdeG e ao BNG, que son especialistas neste tipo de acontecementos.

De feito, puxo como exemplo do que non hai que facer ao PSOE de Ourense, unha formación dividida por ver quen vai a unha reunión dos socialistas en Madrid, na que os seus militantes só se insultan e na que se lle pide á dirección nacional que os compañeiros que avalan outra candidatura sexan suspendidos de militancia.

EMPEZAR A GAÑAR AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

O presidente tamén se referiu ao importante e ilusionante reto que supoñen as vindeiras eleccións municipais e explicou que, para conseguilo, os populares teñen que ser tan ambiciosos como humildes. Neste sentido, sinalou que ao seu partido ten que esixírselle volver a gobernar a Deputación de Ourense con maioría absoluta, por iso animou a comezar dende hoxe a gañar os comicios de 2023.