Ourense Cidade

Feijóo destaca a importancia de Ourense no legado cultural e intelectual da Xeración NÓS

Tras recibir 15.000 visitantes na Cidade da Cultura, salienta que ata o 18 de abril, os ourensáns poderán admirar esta mostra que se reparte entre o Centro cultural Marcos Varcárcel e a sala de exposicións Afundación

Óscar Gómez

Ourense | 25.02.2021 08:14

Feijóo destaca a importancia de Ourense no legado cultural e intelectual da Xeración NÓS
Feijóo destaca a importancia de Ourense no legado cultural e intelectual da Xeración NÓS | onda cero

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a importancia de Ourense no legado cultural e intelectual da Xeración Nós, un dos colectivos “máis transcendentais” da nosa historia contemporánea. “Ollar a Revista Nós é viaxar no tempo a unha cidade bulideira. Unha urbe onde se escoitan os faladoiros de café e se impoñen os edificios modernistas de Vázquez-Gulías. E por iso, a apertura desta exposición non é tanto un regreso a casa, como un reencontro, porque Ourense sempre estivo en Nós”, dixo, durante a inauguración na cidade das Burgas da exposición Galicia, de Nós a nós.

Tras recibir 15.000 visitantes na Cidade da Cultura, Feijóo salientou que ata o 18 de abril, os ourensáns poderán admirar nesta mostra que se reparte entre o Centro Cultural Marcos Varcárcel e a sala de exposicións Afundación: os 134 números da Revista Nós e as máis de 300 pezas procedentes de máis de 60 institucións culturais e coleccionistas privados.

Entre o contido da mostra, o titular da Xunta referiuse á Carta Xeométrica de Galicia, trazada por Domingo Fontán; así como ás numerosas pezas que falan do papel que desempeñou Ourense para a Xeración Nós, entre as que destacan, un cartel orixinal do pintor Cándido Fernández Mazas ou as noticias da cidade que figuran na Revista.

Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que aos integrantes da Xeración Nós debémoslles a semente dunha terra que non ve fronteiras, senón encontros; “que non ve muros, senón Camiños con maiúsculas, como os que agora abrimos ao mundo a través dos Camiños de Santiago”, abundou.

O responsable do Goberno galego concluíu resaltando e agradecendo o traballo dos comisarios: Ana Acuña e Afonso Vázquez Monxardín, así como a colaboración institucional da Deputación de Ourense, para dar continuidade a un ciclo de exposicións, no marco do Xacobeo 2021, iniciado con Galicia, un relato no mundo.