Feijóo aborda co alcalde de Paderne de Allariz a posta en marcha da nvoa escola infantil, o novo centro de saúde e os avances no parque empresarial.
A escola infantil entrará en funcionamento xa para o vindeiro curso 2021-2022, e dará servizo aos concellos da Mancomunidade, logo de recibir unha inversión da Xunta de 410.000 euros. Ao respecto da Mancomunidade, tamén falaron da súa nova e abordaron estudar a posibilidade de adquirir un punto limpo móbil. Sobre a mesa tamén estiveron as primeiras semanas de funcionamento do novo centro de saúde, que entrou en servizo a mediados de abril, e que o titular do Goberno galego visitou días antes da inauguración.
Outro dos temas que se abordaron na reunión foi a evolución do Proxecto sectorial do parque empresarial de Paderne de Allariz, que está agora mesmo na fase de avaliación ambiental estratéxica, un informe que está previsto que finalice a finais de agosto
Ademais, o presidente da Xunta trasladoulle a Fernández Gómez que xa se están dando os primeiros pasos para o inicio dos traballos de posta en marcha dun polígono agrario nese concello, coa finalidade de destinalo á produción gandeira en extensivo.
Por último, abordaron o plan de mellora das telecomunicacións, que pasa por aumentar a cobertura móbil en núcleos como o de San Cristovo, que xa foi incluído na convocatoria de axudas publicada o pasado mes de xaneiro, e que está en fase de revisión das ofertas presentadas polos operadores.
Co alcalde do Irixo actuacións de abastecemento e saneameto
O presidente da Xunta recordoulle ao alcalde, en relación ao primeiro punto, que a 2ª fase do plan de pastizais, que se activará proximamente, permitirá poñer en valor un total de 30 montes veciñais pertencentes a concellos galegos, entre eles O Irixo. Tamén lle trasladou a vontade de estudar unha posible colaboración co proxecto consistente nunha web de venta online de empresarios do concello para apoiar a “marca Irixo”.
En relación ás dúas solicitudes cursadas polo concello para executar actuacións en materia de saneamento e abastecemento, o presidente da Xunta confirmoulle ao alcalde que neste momento están a ser analizadas.
Finalmente, Feijóo tamén sinalou que se estudará a posibilidade de construír vivendas modulares ou a rehabilitación de vivendas en estado de abandono ou semiabandono, ademais da posibilidade de levar a cabo unha instalación deportiva na antiga estación do tren, en colaboración coa deputación.
Co alcalde de A Gudiña o albergue de peregrinos
En canto aos asuntos relacionados co concello da Gudiña, a Xunta está a traballar no acondicionamento do inmoble coñecido como “Casa da Viúva”, ao abeiro do Plan de Albergues 2019-2021, o que permitirá habilitar unha nova instalación de 44 prazas. Prevese que os traballos rematen no vindeiro mes de xullo, polo que a infraestrutura xa estaría preparada para o Xacobeo 21-22 que está en marcha.
Tamén abordaron asuntos relacionados co abastecemento. Actualmente, xa está en redacción un proxecto de abastecemento e saneamento do concello, ademais de que se están a analizar as solicitudes que realizou o concello ao abeiro da orde de axudas da Xunta para pequenas actuacións.
Por último, Feijóo e José María Lago falaron da posibilidade de poñer en funcionamento na Gudiña unha aldea xeradora, que sexa capaz de producir a enerxía suficiente para autoabastecerse. Asimesmo, abordaron as melloras necesarias na estrada OU-533.