A sala municipal José Ángel Valente acolle até o día 20 de abril, a exposición “A Garda Civil ao servizo da cidadanía”, unha mostra itinerante que ten como finalidade achegar a todos os ourensáns a historia deste corpo de seguridade, ao longo de máis de 175 anos. O acto de inauguración será mañá, martes, ás 12:00 horas, e contará coa asistencia do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome e o tenente coronel da Garda Civil en Ourense, Rafael López Pinel.
“A Garda Civil ao servizo da cidadanía”, exposición organizada pola Fundación Garda Civil, percorre toda a xeografía española e chega por primeira vez a Galicia na sala municipal do Concello na rúa do Paseo. Relata a historia da Garda Civil desde a súa creación, no ano 1844, a través de paneis e diferentes materiais e elementos divulgativos, entre os que inclúe a proxección de dous vídeos: un sobre o labor en materia antiterrorista e outro divulgativo das diferentes especialidades da Garda Civil. A mostra poderase visitar desde mañá, de martes a sábados, de 11:00 a 13:30h e de 18:30 a 21:30h, e os domingos de 11:00 a 13:30h. A sala pecha os luns.
No marco desta actividade, o Auditorio Municipal de Ourense acollerá tamén hoxe, luns, 4 de abril, ás 19:30 horas, o concerto da Unidade de Música da Garda Civil.