Deportes

O I Descenso “Ourense Provincia Termal” de piragüismo percorrerá 17 quilómetros no Miño

A Deputación de Ourense patrocina este evento que organiza a Escola Municipal Ourensana de Piragüismo. Terá lugar o 15 de agosto e percorrerá os concellos de Ourense, Barbadás, Toén, Punxín, Cenlle e Castrelo de Miño

Óscar Gómez

Ourense | 07.06.2021 08:41

O I Descenso “Ourense Provincia Termal” de piragüismo percorrerá 17 quilómetros no Miño
O I Descenso “Ourense Provincia Termal” de piragüismo percorrerá 17 quilómetros no Miño | Deputacion de ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente da Escola Municipal Ourensana de Piragüismo, José Luis Fernández Bermejo, con que analizou os aspectos organizativos do “I Descenso Ourense Provincia Termal. Memorial Chelis”, que se disputará o vindeiro 15 de agosto ao longo dun percorrido de 17 quilómetros polo río Miño entre a capital ourensá e o balneario de Laias.

“Trátase dunha proba pioneira no piragüismo ourensán polo que supón de percorrido, esixencia deportiva e promoción turística, e a Deputación de Ourense apoia este evento que pon de relevo a tradición do deporte náutico na nosa provincia”, destaca Manuel Baltar, quen salienta o labor que o goberno provincial está a desenvolver cooperando cos clubs de piragüismo e remo da provincia, co Parque Náutico de Castrelo de Miño e co impulso e desenvolvemento do “Termalismo deportivo”, ámbitos que cada ano traen á Ourense deportistas, equipos e visitantes de diferentes zonas de España e do mundo, co que iso supón para a promoción do noso territorio provincial”.

O “I Descenso Ourense Provincia Termal” leva como nome “Memorial Chelis” na honra de José Luís González Chelis, fundador da Escola Ourensana Municipal de Piragüismo. Desde os anos 60 estivo vinculado ao piragüismo na provincia de Ourense co clube Alcalá Galiano, na época de Misioné, medalla de prata na categoría K4-1000 nos xogos olímpicos de Montreal 1976, e entre 1985 e 2000 traballou cos clubs Fontefría de Muíños e Pena Redonda de Ourense.

En canto ao percorrido da regata, terá diferentes saídas en función das categorías: Oira, Ponte Vella, Ponte Nova e Alongos. As modalidades e os participantes son K1, K2, C1 e C2, mulleres e homes, xuvenís, senior e master, cunha distancia de percorrido de 17 quilómetros, pasando polo corazón da capital ourensá (as súas pontes) e as zonas termais da cidade ata chegar ao balneario de Laias, percorrendo zonas cun gran valor paisaxístico ao carón das sendas peonís que pasan por Outariz, Untes e Reza, permitindo ao público poder seguir desde elas a proba, que pasará polos concellos de Ourense, Barbadás, Toén, Punxín, Cenlle e Castrelo de Miño.