Un dos principais compromisos do presente mandato provincial quedou materializado esta mañá coa inauguración da nova sede provisional da Deputación en Valdeorras ante os alcaldes da comarca e coa presenza do presidente provincial, Luis Menor, e do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. Foi precisamente o Executivo galego o que facilitou a posta a disposición da nova sede, cedendo parte das súas instalacións na Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras, atendendo así a petición formulada polo máximo responsable da Deputación “para poder canalizar mellor a voz da comarca”.
Luis Menor recalcou que “cumprimos así un dos primeiros compromisos do mandato, achegarnos a unha comarca alonxada xeográficamente, pero que nunca vai estar afastada da institución provincial nin dos seus servizos, programas e proxectos”. Abundou en que “Valdeorras aínda é merecente de maior atención pola súa distancia, polas deficitarias comunicacións, polo peso económico das súas producións senlleiras e polo seu potencial como recurso turístico e natural”.
Tralo primeiro paso dado a prol de achegar Valdeorras á Deputación, coa designación da alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González, como deputada delegada desta zona e responsable da visibilización da axenda propia da Deputación nesta comarca, Luis Menor agradeceu á Xunta de Galicia a súa colaboración e resposta positiva e áxil, en menor de dous meses, dotando á Deputación da súa nova sede. Un novo emprazamento “cuxo significado é o máis absoluto compromiso por achegarnos a cada un dos concellos de Valdeorras”.
Cooperación cos concellos
Na apertura da nova sede provisional, na que estiveron presentes os alcaldes da comarca (no caso do Barco de Valdeorras, asistiu o tenente de alcalde e deputado provincial, Aurentino Alonso), Luis Menor fixou como prioridade “loitar con máis intensidade se cabe por unhas comunicacións propias do século XXI”. Nesta reivindicación citou a autovía A-76, a N-120, a estrada comarcal 533 ou as infraestruturas ferroviarias. “Estas e outras cuestións que tendes en mente forman parte dese pulo á cooperación cos concellos que quero imprimir no presente mandato provincial”, recalcou Menor Pérez dirixíndose aos alcaldes e alcaldesas, “e precisamente esta sede servirá para escoitarvos e estudar as posibles solucións que estean ao noso alcance durante as visitas periódicas que realizarei a Valdeorras. Estaremos permanentemente en contacto coa realidade deste territorio”.
Con motivo da apertura da sede, Menor mantivo reunións individualizadas con alcaldes da comarca: o rexedor de O Bolo, Alberto Vázquez; a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela; Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez; A Veiga, Juan Anta; Petín, Raquel María Bautista.
Clúster da Pizarra
Luis Menor mantivo ademais un encontro co Clúster da Pizarra. Luis Menor recoñeceu que non se entendería a súa presenza na comarca “sen escoitar aos representantes dun sector básico na comarca, cun peso específico na economía ourensá e líder indiscutible na produción e exportación de lousa”.
Consorcio de Augas
A xornada de traballo do presidente da Deputación en Valdeorras incluíu unha reunión do Consorcio de Augas de Valdeorras, na que se procedeu á renovación de cargos e órganos, entre eles a comisión executiva e a comisión especial de contas.