O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá un encontro para informar aos 91 concellos ourensáns de menos de 20.000 habitantes -todos os da provincia agás o da capital-, da posibilidade de adhesión ao proxecto de dixitalización da xestión do ciclo da auga “OU - Intelixente: a provincia de auga” liderado pola Deputación de Ourense a través de AquaOurense -sociedade mixta integrada pola Deputación de Ourense e Viaqua-.
Esta iniciativa presentarase ao PERTE vencellado ao dixitalización da auga, convocatoria específica dos Fondos Next Generation xa publicada, e cuxo prazo de presentación remata o 10 de febreiro de 2023. Os concellos recibirán nas próximas horas a documentación necesaria para formalizar a súa adhesión ao proxecto, tendo de prazo ata o 30 de novembro.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, puxo esta mañá a disposición dos municipios unha iniciativa enfocada á mellorar a eficiencia da xestión do ciclo de auga e que xa foi anunciada durante o debate sobre o estado da provincia celebrado a pasada semana.
Manuel Baltar agradeceu a presencia no Marcos Valcárcel da meirande parte dos alcaldes da provincia a un acto no que tamén interveu a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e contou coa asistencia do delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, o director de Viaqua, Marcos Martín, rexedores, deputados e técnicos da administración provincial e municipal.
Na súa intervención, Manuel Baltar destacou a importancia dun proxecto perfilado dende a cooperación: “A Deputación, como debe ser, responde á filosofía da cooperación cos concellos, asumindo o liderado dun proxecto que é pioneiro na transformación da xestión da auga a nivel provincial”.
O presidente da Deputación puxo en valor a experiencia recabada en proxectos como AquaOurense, “unha experiencia única en España a nivel provincial, que hoxe opera en máis da metade dos concellos da provincia e que nos permite ter a capacidade para armar este proxecto pioneiro”.
Manuel Baltar ponderou a importancia de implementar unha “iniciativa realmente transformadora” coa que a Deputación “facilita aos concellos a adaptación as novas normativas mentras temos en conta a substitución dos contadores, dixitalizamos os sistemas de depuración e abastecemento ou creamos un centro intelixente, o AquaOU, que debe ser, e será, un centro de referencia en Europa. Este é o noso propósito, o da cooperación, e cantos máis concellos se sumen, mellor”.
Orzamento previsto de 11,11 millóns de euros
O director da Área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, Javier Bobe, e a responsable de operacións de AquaOurense, Víctor Comesaña, explicaron ao centenar de asistentes un proxecto que suma un orzamento de 11,11 millóns de euros, dos que 10 serían vencellados aos fondos comunitarios. No caso de ser aprobado polo MITECO, o importe restante será cofinanciado pola Deputación de Ourense para facilitar o acceso dos concellos a estas tecnoloxías, aos novos perfiles profesionais requiridos e aos novos servizos avanzados.
Con este proxecto, resalta Manuel Baltar, “a Deputación adiantase aos novos requirimentos normativos, permitindo aos concellos o cumprimento dos novos retos e obrigas legais esixibles aos servizos municipais”.
Actuacións prioritarias da iniciativa “OU-intelixente: provincia da auga”
As actuación prioritarias que contempla este proxecto, e nas que xa leva tempo traballando a Deputación de Ourense, son:
1- Implantación de contadores intelixentes domiciliarios para aqueles concellos de menos de 20.000 habitantes que se adhiran á proposta.
2- Instalación de contadores intelixentes en 120 puntos de entrega de auga aos sistemas de abastecemento dos concellos ourensáns.
3- Dixitalización de 124 instalacións de depuración para o control, en tempo real, tanto da cantidade como da calidade do verquido ao medio.
4- Dixitalización de 18 instalacións de abastecemento para o control en tempo real do funcionamento das plantas de tratamento de auga potable, así como das redes de distribución no Consorcio de Augas de Valdeorras.
5- Creación do Centro Intelixente para a xestión provincial da auga -o AquaOU- no que se centralizará a xestión operativa de toda a información obtida en tempo real. Este centro pretende, ademais, ser un espazo aberto á cidadanía no que transparentar e poñer en valor a importancia dunha axeitada xestión da auga no territorio.
Impacto do proxecto no territorio
Este proxecto busca despregar as últimas tecnoloxías dispoñibles, engadir dixitalización e capas de intelixencia asociadas aos datos, co obxectivo de avanzar na xestión intelixente a nivel provincial dun recurso estratéxico como é a auga.
“Con esta iniciativa poderemos medir e evidenciar, de xeito pioneiro a nivel provincial, o impacto positivo na xestión da auga que exercen as novas tecnoloxías dixitais…un recurso que xa é clave para Ourense e que será crucial para adaptármonos aos xa visibles efectos do cambio climático”, destaca o presidente da Deputación.
Nun futuro próximo, o proxecto sumaría diferentes ferramentas relacionadas co seguimento da estratexia provincial, incluíndo un sistema para o control da calidade das masas de auga que avale a creación dun selo de calidade pioneiro específico para as augas termais.
A referencia do centro intelixente para a xestión provincial da auga
Unha das pezas básicas deste proxecto é o centro intelixente para a xestión provincial da auga -AquaOU-, que ademais de permitir a xestión centralizada deste recurso en tempo real, permitirá avanzar na transparencia da xestión dun servizo público de cara á veciñanza.
O AquaOU debe ser un elemento fundamental que vertebre o coñecemento en materia da auga na provincia de Ourense, dinamizando o ecosistema de formación, emprendemento e innovación provincial. “Conseguiríamos o 100% de telelectura nos principais núcleos, aproveitando a necesaria renovación ou implantación do parque de contadores municipais”, sinala Manuel Baltar.