Ourense Provincia

A Deputación aproba 26 medidas para a dinamización socioeconómica da provincia

Manuel Baltar presentou ao pleno un conxunto de dez medidas a desenvolver nos ámbitos do termalismo, turismo, captación de fondos europeos, eficiencia enerxética, igualdade, administración ou cultura.

Óscar Gómez

Ourense | 17.11.2021 08:09

A Deputación aproba 26 medidas para a dinamización socioeconómica da provincia
A Deputación aproba 26 medidas para a dinamización socioeconómica da provincia | onda cero

O pleno do debate sobre o estado da provincia aprobou hoxe un total de 26 medidas para a dinamización socioeconómica de Ourense, dez delas a iniciativa do presidente provincial, Manuel Baltar, outras dez a proposta do grupo popular e tamén asinadas polo deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, e a deputada non adscrita, Monserrat Lama, e seis do BNG. Un paquete de iniciativas que “falan da utilidade deste debate e contribúen a marcar xuntos o camiño, facendo política que se escribe con

de pacto e co consenso que se precisa para construír provincia”, dixo o presidente da Deputación.

No seu discurso, Manuel Baltar repasou a evolución socioeconómica da provincia a través dos datos do último informe do Observatorio Económico Ourensán, “unha ferramenta de traballo óptima para acertar nas decisións públicas -dixo- e que amosa como as apostas e enfoques que formulamos eran acertados”, destacando que Ourense se sitúa en mellor lugar nas comparativas con Galicia, como evolucionan a mellor os colectivos sociais de interese ou a confianza en encontrar emprego.

Nesta liña subliñou a consecución de dous importantes obxectivos: subir dos 116.000 ocupados e baixar do 12 % de paro, ao que engadiu “o mellor mes turístico da historia de Ourense, agosto, tanto en visitas como en pernoitas, a pesar da situación de pospandemia”. Un eixo estratéxico que “a nosa condición de Destino Turístico Intelixente e o noso traballo en redes nacionais e internacionais van potenciar nos próximos tempos”.

Debate do estado da provincia
Debate do estado da provincia | onda cero

Singularidade da economía ourensá

Afirmou que os datos do presente ano “reforzan a nosa convicción da singularidade da economía ourensá, así como a idea defendida desde esta presidencia de que as baixas densidades de poboación non están rifadas co crecemento e a prosperidade”, idea que, lembrou, xa expuxo no debate de 2019 cando daquela asegurou que “a estrutura da provincia nos dota dunha maior capacidade de resistencia ante crises profundas e bruscas”.

Manuel Baltar centrou a súa intervención nalgúns dos aspectos que recolle o informe do Observatorio Económico e que permiten actualizar a “foto” da provincia, como eses 117.600 ocupados que reflicte a EPA do terceiro trimestre, o maior número en dez anos, “o que sitúa a Ourense cunha taxa de ocupación do 90,18 %, superando por primeira vez a barreira do 90 %, porcentaxe aínda non superada para o conxunto de Galicia”.

“Uns datos que para comprender a súa dimensión é preciso comparar co resto de Galicia”, advertiu, sinalando que o crecemento da ocupación ourensá respecto da situación prepandemia de 2019 foi do 5,9 %, multiplicando case por tres o incremento na provincia de Lugo (2 %) e por 6 en Pontevedra (1 %), sen que A Coruña fose quen de recuperar os niveis de ocupación cunha redución do 1,3 %.

Referiuse á positiva evolución do desemprego, que no último trimestre diminuíu nun 23,9 % en comparación co mesmo período de 2019, baixando ademais en dez das doce comarcas. Máis do dobre que o descenso en Galicia (11,7 %) e sen comparación posible co conxunto de España, onde medrou un 13,7 %. Quere isto dicir, apuntou, que “o dinamismo da nosa economía conseguiu que unha de cada catro persoas que se atopaban en situación de desemprego no terceiro trimestre de 2019, antes da pandemia, hoxe estean traballando”.

Unha positiva evolución, chamou a atención, da que tamén se beneficia a taxa de emprego feminina (89,6 %), “a maior cifra trimestral do último decenio, pero que nos lembra a necesidade de seguir traballando para igualala á taxa masculina, que é de algo máis dun punto”. Ademais, outro grupo beneficiado é a xente máis nova, onde a taxa de activos sobre a poboación de entre 16 e 29 anos e a taxa de ocupados sobre activos ofrece as mellores porcentaxes dos últimos dez anos por encima do 51 % e do 81 %, “ambas porcentaxes superiores ás do resto de provincias galegas”.

Mellora da ocupación na poboación máis desfavorecida

Con todo, para Manuel Baltar o dato máis relevante é a mellora da ocupación na poboación máis desfavorecida cun descenso no número de fogares sen ingresos, “2.900 que seguirán sendo unha prioridade para esta Deputación”, con respecto aos dous últimos anos, mesmo por baixo da media galega. Como tamén diminúe ata o 6,5 % os fogares nos que as persoas activas están paradas, “descenso que non satisface a esta presidencia e que aínda se atopa lixeiramente por encima da media galega”.

Xunto con estes datos apuntou que a mellora da actividade e do crecemento económico “intensifícase en sectores prioritarios para nós, onde somos especialmente competitivos e temos focalizada a atención desta Deputación, como son a economía verde (cunha ocupación un 70 % superior á de hai dous anos) e o sector agroalimentario (un 50 % máis).

Máis aló dos problemas globais, as cifras obxectivas “seguen a mostrar tanto a maior capacidade de recuperación do tecido produtivo ourensán, como o aliñamento da nosa realidade cos novos paradigmas para construír unha sociedade menos homoxenea, máis verde, humana e equitativa, e onde xa non se trata só de crecer, senón de como se produce ese crecemento”.

Sen triunfalismos, advertiu, o escenario “invítanos a fuxir de posturas pesimistas sobre o noso futuro e mudalo por un optimismo xustificado, do que participan tanto as empresas que ven mellorar a súa competitividade polo crecemento das exportacións (un 11,5 % ata agosto) e tamén polo maior grao de confianza en aqueles que buscan emprego”.

Reflexionou tamén sobre a poboación xubilada, “unha realidade que non sempre temos ben valorada”, para apuntar que non só achegou case 82 millóns de euros en outubro, senón que tamén “nos sorprendería saber que Ourense é a provincia galega, salvo Lugo, con menor porcentaxe de inactivos en idade de traballar, cunha media moi por debaixo da galega e unha evolución positiva de case oito puntos nos últimos dous anos”. Polo tanto, “na nosa economía non sobre ninguén; ao contrario, o que precisamos son ocupados”.

Economía verde e sector agroalimentario

Para Manuel Baltar chegou o momento de “acelerar naquelas actividades e sectores nos que somos mais competitivos, impulsando potencialidades como a agroalimentaria ou a economía verde”, dous aspectos que estarán presentes na Mobile week, que principia o día 19, “para cimentar sobre eles a nosa aposta por intensificar a agroindustrialización e converternos nunha despensa orgánica de referencia estatal cos nosos produtos ecoagroalimentarios”.

Neste sentido anunciou actuacións en dous eixos claves: “Facer crecer as nosas empresas, cun tamaño medio menor que en Galicia; e atraer a toda unha xeración de mozos e mozas altamente formados cara eses sectores, impulsando a súa modernización e uso das tecnoloxías”. Para este segundo obxectivo, a Deputación desenvolverá a través do Observatorio Económico Ourensán un proxecto de colaboración público privada “para atraer a esa mocidade, facilitando o desenvolvemento de proxectos tanto de intraemprendemento en empresas xa existentes como de posta en funcionamento de novas startups, atraendo cara eles talento e inversores”.

“Temos a convicción e determinación precisas para saír a facer e non para quedar nos bos propósitos”, afirmou, poñendo como exemplo “o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional que abrirá en semanas; infraestruturas capitais en Galicia como a estación de Manzaneda ou o Parque Náutico de Castrelo de Miño; a Tecnópole; a Estación de Viticultura e Enoloxía; o edificio Provincia intelixente; os plans de desenvolvemento sostible da Ribeira Sacra e Ourense Termal; ou a participación decisiva da Deputación para ofrecer en Monterrei un parque acuático de referencia no noroeste peninsular”.

Non deixou de citar a condición da Deputación como “primeira aliada dos concellos, aportando músculo funcionarial e financeiro para que desenvolvan con éxito as súas competencias”, ademais de “seguir liderando unha provincia que é terra de talento, da man da sociedade e das súas entidades máis representativas”.

Concluíu Manuel Baltar cunha referencia “á noticia histórica” da chegada da alta velocidade en decembro, “sen dubida unha sacudida competitiva para o territorio que imos aproveitar, preparando esta provincia termal para amosar a súa mellor versión co Gran Hotel Balneario Auria”, para lembrar finalmente o poema “Na chegada a Ourense da primeira locomotora”, que Manuel Curros Enríquez escribiu con motivo da chegada do tren á cidade o 31 de marzo de 1881.

Durante o debate e a iniciativa da presidencia, Manuel Baltar presentou ao pleno un conxunto de dez medidas a desenvolver nos ámbitos do termalismo, turismo, captación de fondos europeos, eficiencia enerxética, igualdade, administración ou cultura. As propostas foron as seguintes:

Fondos europeos

Acordo entre o Inorde e a Cámara de Comercio de España, co obxectivo de canalizar os fondos europeos xestionados polas Cámaras á provincia de Ourense, na parte que lle correspondería por peso provincial en caso de existir a entidade.

Turismo

Ourensanía Virtual. Un mapa interactivo de recursos turísticos e patrimoniais da provincia de Ourense, no que se mostren os recursos máis destacados mediante unha aplicación web baseada nunha maqueta 3D esquemática e interactiva. Inclúe a creación de contidos multimedia asociados a cada un dos recursos presentados, de modo que se crearán diferentes contidos (fotográficos, vídeo e fotografía 360°, visitas virtuais 3D interactivas, etc.) de cada un dos recursos turísticos incluídos na selección.

Termalismo

Candidatura para organizar o Congreso Mundial de Termalismo, dentro das actividades para 2022 da Organización Mundial do Turismo. O presidente provincial defenderá o día 30 esta candidatura grazas a que a Deputación de Ourense forma parte da Asociación de Cidades Históricas Termais, que preside o propio Manuel Baltar.

Enerxía

Reivindicar que Ourense reciba un trato especial por parte do IDAE no fomento da xeotermia vinculada ao termalismo, polas súas especiais condicións do chan. Promoción dun proxecto singular de enerxía xeotérmica.

Administración e cidadanía

Atención cidadá mediante vídeochamada. Capacidade para realizar consultas e trámites de forma telemática, un paso importante na administración dixital, avanzando cara a oficinas de información máis innovadoras e eficaces.

Institucional

Celebración do Bicentenario da Deputación de Ourense, conmemorando os 200 anos con diversas actividades durante os doce meses de 2022.

Representación en foros

Celebración en Ourense da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, o 15 de decembro.

Igualdade

Inauguración, o sábado día 20, do Parque da Igualdade en Cachamuiña (Pereiro de Aguiar) presidido por unha escultura do gran Buciños.

Cultura

Entrega en Ourense dos Premios Mestre Mateo, en 2022, froito da alianza coa Academia Galega do audiovisual. Posta en marcha da Ourense Film Comission, grazas ao traballo realizado no mundo da produción audiovisual en Ourense.

Propostas dos grupos políticos

As propostas dos grupos políticos aprobadas polo pleno foron as seguintes:

Cooperación

Colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). A Deputación impulsará diferentes vías de colaboración cos seis GDR da provincia, solicitando a adhesión a cada dos grupos e integrándose nas respectivas asembleas en calidade de socio.

Fondos europeos e financiamento para as entidades locais

Reclamar ao Goberno central un fondo de reconstrución para as entidades locais que garanta a súa participación real e transparente, facilitando aos concellos e deputacións provinciais a xestión dunha porcentaxe dos fondos europeos equivalente ao gasto local dentro do gasto público total.

A Deputación de Ourense compromete o seu respaldo a todos os concellos para captar fondos europeos, mediante a dotación de partidas económicas que complementen as posibles dotacións procedentes do Estado en termos de equidade e obxectividade.

Requirir tanto ao Estado Español como á Xunta de Galicia un novo modelo de financiamento que permita aos concellos cumprir coas súas obrigas cos veciños e veciñas, comprometendo un mínimo do 20 % do financiamento total das administracións a favor dos concellos, poñendo fin a un sistema que fai que a media de financiamento por veciño nos concellos galegos procedente do Estado sexa 50 euros inferior á media estatal, cando a dispersión poboacional e o avellentamento fai evidente a necesidade dunha dotación orzamentaria superior.

Emprego

Plataforma de emprego na propia web da Deputación, con dúas simples pestanas: unha, quero traballar; dous, necesito traballadores. Tratamento dos datos recibidos. Unha ferramenta máis para empresarios e autónomos e persoas desempregadas. Téndelle a man á pequena empresa e ás persoas autónomas.

Promover accións estratéxicas para o desenvolvemento de políticas de empregabilidade e apoio ao emprendemento no conxunto da provincia de Ourense. Con especial mención ás políticas activas de respaldo á xente moza retornada e inmigrante.

Promoción económica

Sector vitivinícola. Elaborar, en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e os seus adegueiros, colleiteiros e viticultores un plan de mobilización de terras para cultivo da uva que permita poñer ao dispor do sector un mínimo de 160 hectáreas de terreo para cultivo de uva. Todo isto de conformidade co marco lexislativo que proporciona a nova Lei de Recuperación de Terra Agraria de Galicia.

Creación da marca Ourense para produtos e servizos xenuinamente ourensáns. Aberto a todas as empresas que queiran adherirse coa existencia dunha auditoría que valide a procedencia ou non de contar con este plus de protección. En colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense.

Infraestruturas

Reiterar a esixencia cara á Administración Xeral do Estado da mellora das infraestruturas e persoal ferroviario, nomeadamente cara ao ferrocarril convencional vertebrador da provincia. Demándase un ferrocarril de proximidade como o existente noutros territorios do Estado, ben sexa de xeito directo a través de Renfe, ben mediante traspaso de competencias e recursos económicos á Xunta de Galicia para que sexa esta quen o poña en marcha.

Reto demográfico

Esixir ao Goberno de España que a provincia de Ourense sexa tida en conta nos procesos de descentralización administrativa e nos plans de axuda na loita contra o despoboamento, como xa foi así co plan de descentralización de Renfe en Teruel ou Toledo; Soria e o seu centro da Seguridade Social, ou Cuenca e os seus cursos da UNED, entre outros. Creación dunha fiestra única emprendedora do rural. Para axudarlles aos concellos e facilitarlles aos emprendedores e emprendedoras proxectos de futuro na provincia rural.

Turismo

Ordenación do turismo en autocaravanas, poñendo en valor unha ruta provincial con todas as zonas de autocaravanas sinalizadas, indicando lugares próximas de interese, as mellores formas de acceder, e cuestión positivas a valorar polos usuarios.

Enerxía eólica

Esixir a todas as administracións competentes (Estado e Comunidade Autónoma) en materia de regulación enerxética que se estableza un novo mapa eólico galego, con criterios de preservación do noso territorio dende un punto de vista social, medioambiental e patrimonial. E que ao tempo os beneficios obtidos dos recursos naturais (nomeadamente a auga e o vento) revertan na poboación local tanto mediante os pagos directos aos propietarios, os tributos aos concellos e a creación de plans industriais e tarifas propias que favorezan o desenvolvemento do territorio da provincia.

Administración e xestión

Revisión do modelo das brigadas de Vías e Obras, co fin de adaptar a organización dun servizo que atende 1.852 quilómetros de estradas provinciais ás novas necesidades, en particular á atención permanente desta rede viaria e a modernización e tecnificación da súa xestión.

Cultura

Medallas Blanco-Amor. Premio anual, en varias categorías, para recoñecer a traxectoria e os méritos de ourensáns e ourensás nunha gala anual. Compromiso co patrimonio material e inmaterial do territorio, coa posta en marcha da comisión de patrimonio coa participación de expertos para a posta en valor e coidado deste.