O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais sen ánimo de lucro (Cegasal), José Antonio Vázquez Freire, pecharon un acordo de colaboración polo que esta organización ofrecerá asesoramento e apoio técnico na redacción dos pregos de licitación para a xestión dos puntos verdes de San Cibrao das Viñas e Xinzo de Limia, de tal xeito que as empresas de Economía Social poidan optar á xestión destes centros.
O acordo entre a Deputación de Ourense e Cegasal enmárcase no compromiso adquirido por Manuel Baltar durante o último debate sobre o estado da provincia, no que apostou por aproveitar a Economía Verde, tanto no ámbito da construción como da xestión e reciclaxe de residuos, para impulsar a creación de emprego e, dentro deste, para ofrecer oportunidades de traballo ás persoas con discapacidade ou en situación de risco de exclusión social, é dicir, a Economía social.
Precisamente este é o obxectivo de Cegasal, unha organización empresarial sen ánimo de lucro e de carácter multisectorial que desde 1997 traballa na defensa, promoción e representación de iniciativas empresariais de Economía Social, como son os Centros Especiais de Emprego, para a inclusión dos citados colectivosna actividade económica, social e empresarial de Galicia.
Baltar salientou que, unha vez máis, “a Deputación máis social da historia na provincia de Ourense acredita esa filosofía, a aposta polo social, interpretando así un momento singular e determinante como o actual, no que a xestión social é prioritaria e o compromiso solidario e cooperador, imprescindible”.
Pola súa banda, Vázquez Freire agradeceu a sensibilidade e o apoio do presidente Baltar coa Economía Social, “que se traduce neste acordo de colaboración e en importantes iniciativas nas que vimos colaborando desde 2017 a prol da promoción dunha economía máis solidaria, tan necesaria sempre e moito máis nestes tempos”.
Os puntos verdes que a Deputación de Ourense sacará a concurso son os situados no polígono industrial de San Cibrao das Viñas e o de Xinzo de Limia. O primeiro deles centra a súa actividade nos residuos de orixe empresarial e atende as necesidades das empresas que non producen unha gran cantidade de restos e carecen dos recursos necesarios para contar cun xestor propio.
A planta situada en Xinzo de Limia está deseñada para a recepción, triaxe e xestión de residuos da construción e demolición, procedentes tanto da actividade empresarial como de particulares, e xa dispón das instalacións e maquinaria necesaria para a súa posta en marcha.