O circuíto de carreiras populares “Correndo por Ourense”, que organiza o Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense, inicia esta semana a súa edición número 11, incorporando novidades que fan que o evento sexa aínda máis atractivo. O domingo, 23 de abril, será a primeira das carreiras, que percorrerá as rúas do barrio do Vinteún. A seguinte cita será no barrio do Couto, o 27 de maio. O 11 de xuño chegará a principal novidade do circuíto, o Trail Oira - San Tomé, que percorrerá a contorna da cidade -co seguinte itinerario: Oira, pasarela de Oira, pasarela do río Loña, Parque e Ponte da Lonia, senda fluvial, IES Mende, rúa Verea Vella, San Tomé, e regreso a Oira polo mesmo camiño-.
De seguido terá lugar a carreira do centro da cidade, o 25 de xuño, seguirán a da Universidade, o 3 de setembro, e a da Ponte, o 24 de setembro, para rematar na Carballeira, o 22 de outubro. A inscrición pode facerse desde o espazo web https://correndoporourense.com, que contén ademais toda a información das probas.