Cooperación

Convenio para inserción laboral de victimas de violencia de xénero, trata e expolatación sexual

A iniciativa inclúe axudas directas ás participantes no programa que oscilan entre os 500 e os 960 euros mensuais. A cualificación que se imparta terá que estar axustada ás ofertas de traballo

Óscar Gómez

Ourense | 21.04.2022 10:09

Convenio para inserción laboral de victimas de violencia de xénero, trata e expolatación sexual
Convenio para inserción laboral de victimas de violencia de xénero, trata e expolatación sexual | onda cero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, veñen de asinar o convenio de colaboración para a posta en marcha dun programa de formación con compromiso de contratación dirixido a vítimas de violencia de xénero, de trata e/ou de explotación sexual. En total, investiranse 560.000 euros neste programa que se financia a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Son fondos, polo tanto, do instrumento financiero Next Generation EU de apoio á recuperación económica tras a pandemia.

Trátase dunha nova iniciativa que ten por obxectivo a inserción laboral no mercado de traballo do maior número de participantes e por un mínimo de seis meses. A formación que se imparta ten que estar adaptada a oferta laboral, desenvolvéndose actuacións que permitan ás participantes adquirir habilidades, recursos e ferramentas necesarias para incrementar as súas oportunidades laborais, pero tamén para superar as secuelas do maltrato e acadar, deste xeito, unha autonomía e unha integración social.

Cruz Vermella realizará o proceso de selección das participantes contactando, tal e como se fixa no convenio, coas oficinas de emprego, así como cos Centros de Información á Muller (CIM), cos centros da Rede Galega de Acollemento, co Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren violencia de xénero e coas entidades da Rede Galega contra a trata e con calquera outro servizo público que traballe no ámbito da violencia de xénero.

Para participar no programa, as mulleres terán que estar en situación de desemprego e inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia; ter cesado a convivencia co agresor ou coa persoa coa que mantivera sobre ela unha relación de dominación; estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia; e acreditar a situación de violencia a través de calquera das formas previstas no artigo 5 da Ley 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Axudas directas

O programa inclúe, pola participación no mesmo, axudas directas de entre 500 e 960 euros mensuais, por un período máximo de seis meses. A contía variará segundo a formación que se realice que será como máximo de 624 horas. A parte formativa inclúe a posta en marcha dos itinerarios personalizados de inserción social e laboral, consistentes nunha cualificación que abrangue, entre outros, a realización dunha diagnose de empregabilidade e elaboración dun perfil profesional; o desenvolvemento de ferramentas de recuperación e motivación persoal; e obradoiros de alfabetización dixital e busca de emprego.

Nesta fase tamén se contemplan as accións formativas necesarias e vinculadas sempre ás ofertas de traballo que existen na actualidade. Paralelamente levarase a cabo unha prospección empresarial, identificando as oportunidades de emprego máis vantaxosas para as participantes, desenvolvendo os contactos necesarios coas empresas para sensibilizar e informar do programa. Por último, promoverase a inserción laboral das mulleres.

O convenio reflicte que, alo menos, 23 das mulleres participantes deben completar o itinerario de inserción social e laboral e alo menos 14 deben alcanzar a condición de insertadas, é dicir que teñan un contrato de traballo, cunha duración mínima de 6 meses, e subscrito dentro dos 6 meses inmediatamente posteriores á finalización do Itinerario de inserción social e laboral. A duración de cada itinerario fixarase en función das necesidades de cada muller, do seu nivel de empregabilidade, do seu proceso de recuperación e da intensidade da súa cronificación.

Esta iniciativa busca, en definitiva, apoiar ás vítimas de violencia de xénero a que acaden unha maior autonomía a e empoderamento a través da realización duns itinerarios personalizados de integración social e laboral. Preténdese dotar ás mulleres de confianza e autoestima e a súa vez darlles unha formación axeitada ao que o mercado de traballo solicita para que consigan unha inserción laboral estable, con fin último de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

Esta actuación súmase á colaboración que a Consellería de Emprego e Igualdade mantén con Cruz Vermella desde hai anos. De feito, desde 2009 e ata o de agora a Xunta investiu máis de 8,3 millóns de euros a apoiar a esta entidade a través de diferentes liñas de colaboración en materia de igualdade, formación e emprego.