Razas Autoctonas

Convenio de colaboración para conservación de razas autóctonas

O Inorde e a Consellería de Medio Rural renovan o seu convenio de colaboración para a conservación “ex situ” das razas autóctonas.

Óscar Gómez

Ourense | 26.01.2023 08:55

Convenio de colaboración para conservación de razas autóctonas
Convenio de colaboración para conservación de razas autóctonas | onda cero

O Inorde e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia renovan o seu convenio de colaboración para continuar coa execución de determinadas actividades para a conservación “ex situ” dos recursos zooxenéticos autóctonos de Galicia en perigo de extinción como son: a ovella galega, a cabra galega e o porco celta. A través da sinatura deste documento, o Inorde comprométese a manter ditos exemplares, nas instalacións pecuarios na finca de Armariz, en Nogueira de Ramuín, polo que debe contar cun rabaño de raza ovella galega cun mínimo de 100 femias, outro de cabra galego con 30 femias e de porco celta cun mínimo de 16 femias.

Os rabaños complementaranse na época de cubrición cos machos necesarios para a realización de cruces dirixidos de mínima consanguinidade para o mantemento da variabilidade xenética. Para elo, o organismo provincial aplicará un programa de reprodución específico para cada especie para multiplicar o número de animais de cada un. Así mesmo, xestionará o reparto dos animais excedentes entre os gandeiros solicitantes de exemplares destas razas e facilitará o apoio ás asociacións de criadores de razas no mantemento ou creación de bancos de xermoplasta.

O Inorde, como organismo autónomo dependente da Deputación de Ourense, continúa a traballar nunha das tarefas que ten encomendadas de “potenciar o desenvolvemento integrado e equilibrado das zonas rurais da provincia de Ourense a través de diferentes actuacións”, lembrou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández. Entre estas actividades cabe destacar non só este programa de recuperación de razas autóctonas, senón tamén o apoio ao sector gandeiro da provincia a través de formación, asesoramento e investigación que se realiza no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo.

Financiamento

O convenio entrou en vigor desde a súa sinatura e terá efectos ata o 31 de agosto de 2025. O custo total das actividades contempladas neste documento ascende aos 440.000 euros, que serán financiados ao 50% polo Inorde (220.000 euros) e o outro 50% pola Consellería de Medio Rural co que compensará ao Inorde para facilitar a execución destas accións desglosado nas diferentes anualidades. Estes gastos financiaranse con cargo á medida 10.2 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, cofinanciada no 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o 7,5% correspondería ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e o 17,5% restante á Xunta de Galicia.

Deste modo, no ano 2023, a Consellería de Medio Rural e o Inorde achegarán 80.000 euros cada un no 2023, a mesma contía no 2024 e 60.000 euros no 2025, facendo un total de 220.000 euros cada administración ata mediados do 2025.